Adxudicado o estudo informativo para a supresión do baipás de Infesta

Estación de tren de Betanzos-cidade

O Boletín Oficial do Estado (BOE) de onte recollía a formalización do contrato para a redacción do ” estudio informativo para o ramal de conexión entre as liñas de ancho ibérico León- A Coruña e Betanzos Infesta-Ferrol”.

A Dirección Xeral de Infraestruturas Ferroviarias adxudicou este estudo, que saíra a licitación por un cuarto de millón de euros, á unión temporal de empresas UTE Betanzos, con sede en Zaragoza e conformada por SERS, S.A.U. e FULCRUM, S.A.U. en 183 750 euros.

Un total de dez ofertas concorreron á licitación, que foi adxudicada o pasado 18 de xuño.

Unha vez estea redactado este estudo, que non é o primeiro para suprimir o baipás de Infesta, será o momento de licitar e adxudicar o proxecto constructivo e con este documento na man, abrir a licitación para a obra propiamente dita. Así que a medio prazo esta adxudicación non garante que se vaia suprimir o rodeo de 20 minutos que deben dar os convois que fan o traxecto A Coruña-Betanzos-Ferrol.