Advirten que xa houbo intentos de desafiuzamento en Betanzos desde que se decidiu crear a comisión para evitalos

O dereito a unha vivenda digna aparece na Constitución

O dereito a unha vivenda digna aparece na Constitución

Os nacionalistas lamentaron a tardanza do executivo local en convocar a comisión municipal contra desafiuzamentos, creada en novembro de 2012. Para o BNG, a demora responde ao “escaso interese do PSOE” no tema e aseguran que tratarán de “que o PSOE reduza a comisión a un paripé como habitualmente fai”.

O BNG desvelou que “xa houbo algunha tentativa de desafiuzamento en Betanzos desde que se decidiu crear esta comisión” e que o executivo local non convidou a facer parte da comisión á asociación que conseguiu parar o despexo. O debate sobre composición da comisión municipal en decembro foi bronco debido á pretensión do PP de incluír a Cáritas-pode comprobarse na web municipal- e os nacionalistas aseguran que “non sabemos que criterios seguiu o goberno local para convidar a unhas entidades si e a outras non”. “Xa que o goberno convocou a Cáritas ou Cruz Vermella, ben podía ter convidado tamén á Asociación Mirabal, de mulleres vítimas de violencia machista, que paralizou este desafiuzamento”, aseguran.

Os nacionalistas lamentan que o equipo de goberno de Ramón García “faga con este problema como noutros moitos casos. Tardan meses en cumprir cos acordos que adopta o Pleno e cando o fan é só de cara á galería e de costas á xente e as entidades implicadas realmente na solución do problema”. “Agardamos equivocarnos e que nos sorprendan cun regulamento que asegure o funcionamento da comisión”, ironizou o voceiro do BNG, xa que “o contrario demostraría que só se reúne a comisión de cara á galería e que o PSOE se reserva tomar as medidas que estime, ou neste caso non contempla, de forma unilateral”.