ACEBE lanza a campaña “rasca e gaña” para impulsar o comercio local tras a pandemia

Imaxe da rúa do Rollo, unhas das rúas comerciais de Betanzos

ACEBE CCA pon en marcha unha nova campaña “Rasca e gaña” mediante a que se repartirán 1.500 euros en cheques e 1.000 bolsas de tea reutilizables en forma de premio directo entre os clientes dos establecementos asociados.

O reparto de boletos realizarase entre os días 7 e 18 de setembro ou ata que os establecementos rematen as existencias. En total poñeranse en circulación 8.500 papeletas. Cada empresa e comercio asociado recibirá 50 boletos para entregar aos clientes polas súas compras.

As papeletas “rasca e gaña” daranlle aos clientes a oportunidade de gañar un dos 1.030 premios que se entregarán na campaña.

Os propietarios dos negocios serán os que determinen o criterio co que entregarán os boletos aos seus clientes, segundo o volume de compra que consideren oportuno. Cada comerciante deberá selar as papeletas “rasca e gaña” para que estas teñan validez.

Como reclamar o premio
No caso de atopar un boleto premiado cunha bolsa de tea, a persoa agraciada deberá acudir ao establecemento que lle deu a papeleta para pedir que lle entreguen alí o premio.

Se o que figura no “rasca” e un acebecheque de 50 euros, deberá poñerse en contacto coa oficina de ACEBE CCA no teléfono 981774574 en horario de luns a venres de 10.00 a 14.00 horas para concertar unha cita e será o persoal da asociación o encargado de xestionar a entrega do cheque.

A data límite para reclamar os premios será o 15 de outubro de 2020. Poden consultar aquí as bases completas da promoción.