ACEBE CCA cumple corenta anos defendendo o comercio de proximidade

Imaxe da rúa do Rollo, unhas das rúas comerciais de Betanzos

O 23 de setembro de 1980 reuniuse, por primeira vez, a xunta directiva provisional da “Asociación de Empresarios del Comercio de Betanzos” no antigo Hospital de San Antonio, actual Pazo de Xustiza. Presidíaa Tomás Pérez Doporto, Tomás Pérez Doporto e compúñna Andrés Otero Crespo como vicepresidente; Raimundo Montes Miramontes como secretario; José Fraga Ares como tesoureiro e Julio Suárez Vázquez, Carlos Romay Vázquez, José Granero Lagares, Luis González López, Antonio Rivas Calviño, José Luis Germade Fuentes e Carmen Videla Amor como vogais.

En 1984 tomou o relevo na presidencia da por aquel entón denominada “As.Co.Be”, Antonio Selgas Goyanes ao que seguiron á fronte das sucesivas directivas Francisco Deive Dapena, Alberto Catalá Hidalgo, Fernando Gómez Mourelo, Mercedes Rosende Gabín e Antonia Anido Díaz, que actualmente preside o colectivo.

En 1992 As.Co.Be. dá un paso para a historia e pasa a publicar un xornal mensual, Betanzos e a súa comarca, para funcionar como altofalante do sector. Anos despois, galeguizaría a súa cabeceira e pasaría a ser publicado integramente na lingua do país. Coincide no tempo desta mudanza outro fito na historia da xa rebautizada como Asociación de Empresarios e Comerciantes de Betanzos (ACEBE): en 2002, a Xunta aproba o plan de viabilidade do centro comercial aberto (CCA) de Betanzos, pasando a completar así o seu nome: ACEBE CCA.

En 2005 integrarase na Federación Galega de Comercio, no 2008 celebra o primeiro MercaBetanzos e en 2012 recibiu o Premio Garelo de Comercio e Industria, outorgado polo Concello de Betanzos. Ao longo da súa traxectoria a Asociación desenvolveu diferentes accións promocionais e de fidelización de clientes como as campañas estacionais de Nadal e de verán que se manteñen na actualidade.

No camiño, outras iniciativas salientables como dúas edicións da Semana de Comercio e Turismo en colaboración co ciclo formativo impartido no IES Francisco Aguiar, dúas Feiras Empresariais e do Comercio de Betanzos, campañas promocionais puntuais e outros eventos nos que se combinan lecer, promoción comercial e fidelización, como é o caso das pistas de xeo u os parques infantís de xogos, Betanchef e outras accións de dinamización coas que a asociación busca non só dinamizar a economía local senón tamén o turismo e atraer visitantes á cidade.

Actualmente, está integrada por case 200 socios e socias e mantén a súa liña orixinal de velar polos intereses dos sectores aos que representa: comercio, hostalería e pequena e mediana empresa con accións orientadas á procura dun beneficio global para Betanzos.