Acabouse o 800 aniversario

Un intre do recital. Imaxe do Concello

Co concerto ofrecido polo barítono Leo Nucci onte na oxival de San Francisco e a traca de fogos de artificio que lle seguiu o executivo socialista deu por concluídos os fastos do 800 aniversario do traslado da cidade. No recital, o italiano estivo acompañado pola soprano Clara Jelihovschi e por un grupo de corda composto por instrumentos que o propio barítono encargou nun obradoiro de Cremona para legar posteriormente aos seus netos.

O recital repasou varias obras de Verdi (La Traviatta, Don Carlo, I vespri siciliani ou Rigoletto), Massenet (Thais), Mascagni (Cavalleria rusticana) e incluíu arias da ópera que o propio Nucci compuxo e promoveu canda Marcarini- ao piano no recital. Incluíu un bis, cun público entregado ao que convidou a participar na última das obras.

O remate coronouse cunha sesión de fogos de artificio que puxeron o ramo a un ano no que o goberno local pretendeu celebrar a relevancia da cidade na historia do país.