Aberto prazo de solicitude para unha nova fase da ARCH

O goberno local do PP foi o responsable de cubrir estas fachadas coa escuma de poliuretano laranxa

O Concello de Betanzos acaba de abrir o prazo de solicitude de subvencións de rehabilitación edificatoria na área de rehabilitación integral do Casco Histórico (ARCH). Fomento, Xunta e Concello financian unha nova fase do programa de rehabilitación que se puxera en marcha en 2003 cos nacionalistas á fronte da área de Casco Histórico.

Poderán acollerse actuacións de rehabilitación e de renovación de vivendas na área de Rehabilitación comprendida entre o Casco Histórico e a súa zona de protección, barrio da Ribeira, barrio histórico de Nosa Señora do Camiño e barrio histórico dá Condomiña-A Magdalena. A convocatoria ten por obxecto a rehabilitación de edificios e vivendas, así como a renovación de inmobles.

Dentro da rehabilitación os traballos subvencionables son o mantemento e intervención nas vivendas unifamiliares e nos edificios, e no interior das vivendas, instalacións fixas, equipamento propio e elementos comúns, co fin de adecualos aos estándares previstos pola normativa vixente e as actuacións que fomenten a mellora da eficiencia enerxética e sustentabilidade, a conservación e a accesibilidade en vivendas. Inclúense a instalación de ascensores, mecanismos para a detección e prevención de incendios e habilitación de vías de evacuación, a mellora de accesos e circulación para uso de persoas con mobilidade reducida, reforzos estruturais, rehabilitación de elementos singulares da edificación.

En canto ás axudas para renovación establécense obras de demolición de edificios e de vivendas e as obras de construción de edificios e vivendas de nova construción.

O orzamento desta fase, que é a 11 do programa, é de 210 000 euros, achegados polo Ministerio de Fomento e o IGVS para subvencionar 30 actuacións de rehabilitación e unha de renovación. Haberá 2 meses de prazo para solicitalas.