A Xunta lanza unha nova adquisición de vivendas no Casco Histórico

O goberno local do PP foi o responsable de cubrir estas fachadas coa escuma de poliuretano laranxa

Cando se cumpren oito anos do anuncio de compra das primeiras casas da Xunta no Casco Histórico de Betanzos, e sen ningunha delas aínda rehabilitada e habitada, a Xunta anuncia, novamente en campaña electoral, a adquisición de máis inmobles.

Nun comunicado e un anuncio no DOG publicados onte, anuncia que destinará millón e medio a comprar máis casas en estado de abandono ou semiabandono nos cascos vellos de Betanzos, Ferrol, Ourense, Ribadavia e Tui para proceder á súa rehabilitación.

O goberno galego inscribe esta nova compar no programa Rexurbe, co que a Xunta de Galicia traballa na recuperación de cascos históricos de diferentes vilas e cidades galegas e dá continuidade á oferta realizada en 2018 na que se adquiriron 26 inmobles nos conxuntos históricos de Ferrol, Betanzos, Lugo e Ourense. Este ano a convocatoria esténdese aos conxuntos históricos de Ribadavia e Tui.

Con tal fin, o Instituto Galego da Vivenda e Solo convoca un concurso público no que os propietarios interesados poderán ofrecer os inmobles da súa propiedade para que sexan adquiridos polo IGVS. O Diario Oficial de Galicia publica a Resolución pola que se acorda realizar unha oferta pública de adquisición, mediante compra, de inmobles situados nos núcleos históricos dos concellos de Ferrol, Betanzos, Ribadavia, Ourense e Tui para a construción de edificios de vivendas ou para a súa rehabilitación. Para acceder a máis información sobre esta nova convocatoria pódese consultar este enlace do Diario Oficial de Galicia.

Os inmobles que adquira o IGVS deberán estar situados nos ámbitos delimitados polo IGVS dentro dos cascos vellos de Ferrol, Betanzos, Ourense, Ribadavia e Tui, nos ámbitos que se indican na Resolución que publica o DOG.

A Xunta pretende adquirir máis casas no barrio de Santa María

Ademais, as vivendas que adquira o IGVS deben reunir uns requisitos mínimos que permitan condicións óptimas de confort e habitabilidade, construír polo menos unha vivenda por andar cun mínimo de dúas estancias que cumpran as condicións dimensionais establecidas nas normas de habitabilidade de vivendas, ter unha fachada de un mínimo de catro metros e acceso a través de espazos de dominio e uso público e non estar afectadas por servidumes ou cargas que podan facer inviable a actuación.

Ademais, deberán estar inscritas no Rexistro da Propiedade. O custo de adquisición non poderá superar o valor de mercado do inmoble nin un valor máximo que se calculará coas fórmulas e parámetros incluídos na resolución para cada rúa ou zona.

O IGVS seleccionará os inmobles a adquirir conforme aos criterios fixados na resolución, entre os que destacan:

  • Edificios que teñan un valor arquitectónico ou ambientais especiais que aconselle a súa recuperación.
  • Edificios cuxa recuperación poida contribuír de xeito especial á rexeneración ambiental da zona onde estea emprazado.
    Ofertas que contemplen a recuperación dun rueiro completo de máis de tres inmobles.
  • Edificios que faciliten notablemente ou faga viable a construción, rehabilitación ou renovación doutros inmobles propiedade do IGVS.
  • Os propietarios interesados en vender os seus inmobles dispoñen ata o 31 de xullo de 2019 para presentar as súas ofertas ao Instituto Galego da Vivenda e Solo.