A Xunta dá por finalizada a crise dos comedores escolares mentres as nais exixen máis información

Escola infantil Galiña Azul do Pasatempo

Evitando referirse ás intoxicacións polo seu nome, o presidente da Xunta aseguraba onte que o seu gabinete “tutela e segue” todo o que sucede en relación á nova vaga de intoxicacións rexistradas en varias escolas infantís, entre elas as de Oza-Cesuras e Betanzos. “Desde que empezaron as dificultades, nunca houbo ningunha grave” asegurou o mandatario evitando falar de “intoxicacións”.

A empresa de cátering que xestiona os comedores de escolas infantís A Galiña Azul nos que se produciron intoxicacións e reaccións alérxicas estará obrigada a cambiar de provedores dos produtos do menú e acudir a establecementos de proximidade. Feijóo insistiu en que “nalgún caso levaban oito anos sen incidencias” malia os episodios rexistrados ao longo do último mes.

Sen información e exixindo a xestión pública

Os pais e nais recean dos anuncios do presidente. Aseguran que non teñen información sobre como foi o primeiro día co novo sistema. Que ninguén da Xunta deu información nin explicacións. E exixiron que mude o modelo de xestión das cociñas e comedores de garderías e centros escolares. Entidades sociais e políticas esixen ao Goberno galego axilidade na investigación para aclarar os casos rexistrados en Galicia entre este mes e o pasado outubro.

A CIG considerou que estas novas afeccións evidencian de novo “o risco” que sofren os pequenos cos servizos de ‘cátering’ nas garderías no canto de contar con persoal propio e un servizo xestionado pola Administración pública, co sistema de control sanitario da Xunta.
Reclaman á Xunta que asuma a xestión pública dos comedores de ‘A Galiña Azul’ tras as intoxicacións

O sindicato criticou que, unha vez véndese este servizo a empresas de xestión, elimínase “a presión inspectora” sobre unhas firmas que buscan “o máximo beneficio”, aínda á conta da “saúde dos usuarios”, mentres que o sistema público representa unha garantía para as familias.

O BNG anunciou que pediría explicacións en sede parlamentaria polas intoxicacións e as medidas da Xunta.