A Xunta contrata 6 proxectos de rehabilitación para o Casco Histórico de Betanzos

O Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) sacou a contratación a redacción dos proxectos para rehabilitar como vivenda de protección pública seis dos edificios que adquiriu no centro histórico de Betanzos a través do concurso de compra do Plan Rexurbe.

A Xunta licita a redacción dos proxectos en dous lotes por un importe total de 126.080 euros. Os edificios que o IGVS prevé recuperar agora sitúanse na Preto 43, Pique 9, Alfoli 34 e 6 e Venela dous Clérigos 4 e10. O estado dos inmobles varía e algúns se sitúan moi próximos á ruína. Unha das edificacións máis emblemáticas que se rehabilitará con este plan é Alfolí 34, sobre o arco da Ponte Vella.

Tres dos inmobles posúen as tradicionais galerías ou arcos de Betanzos. A redacción destes proxectos sae a contratación uns meses despois das obras de rehabilitación nas vivendas Cortaduría 3, 4 e 6 de Betanzos. Os traballos saíron a concurso por 674.093 euros e adxudicáronse por 646.420 euros a Obras e Viais de Galicia.

Os trámites para redactar os proxectos de rehabilitación das vivendas adquiridas a través do concurso público de compra comezan con atraso con respecto ás previsións iniciais. A Consellería de Vivenda prevía redactar os primeiros proxectos de recuperación no cuarto trimestre deste ano e comezar os traballos en 2019, segundo informou nunha rolda de prensa en xaneiro do pasado ano.