A Xunta asume o financiamento do novo PEPOCH mediante un convenio

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, acompañada da alcaldesa, María Barral
Foto: Moncho Fuentes / AGN A Coruña

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda achegará 150 000 euros de aquí ao ano 2022 para levar a cabo a revisión do Plan Especial de Protección e Ordenación do Casco Histórico (Pepoch) de Betanzos. O documento orixinal fora aprobado en 1992 e necesita adaptarse ao marco normativo actual.

Así o comprometeu onte a conselleira Ángeles Vázquez mediante a sinatura dun convenio de colaboración coa alcaldesa de Betanzos, María Barral. A mediados de xullo, o Consello da Xunta autorizou este acordo de colaboración, en virtude do cal a Consellería asume o financiamento do 100% do custo dos traballos de revisión e actualización do PEPOCH, un paso que o Concello estaba obrigado a dar tras a aprobación da Lei de Patrimonio Cultural de Galicia de 2016.

O PEPOCH de 1992 fracasou na recuperación do Casco Histórico

O goberno local do PP foi o responsable de cubrir estas fachadas coa escuma de poliuretano laranxa

A finalidade deste tipo de plans especiais é estudar os espazos que se localizan dentro dun determinado Casco Histórico para garantir que teñan un futuro, permanezan activos, ofrezan servizos e revitalicen as cidades e vilas nas que se atopan, coa posibilidade de definir novos usos e conservar todo aquilo que defina o propio plan, recorda a Xunta.

Un cometido no que fracasou o plan de 1992 a xulgar polo estado que presentaba naquela altura a zona monumental betanceira e o estado actual da mesma.

Segundo a Xunta, Betanzos foi no seu momento un “concello pioneiro” á hora de dotarse dun dos primeiros PEPOCH de Galicia e grazas ao convenio asinado hoxe, como indicou a conselleira, “contará o antes posible cun plan especial do Casco Histórico adaptado á súa realidade e ás súas necesidades”.

O executivo local leva anunciando, desde hai máis dun lustro a revisión do fracasado PEPOCH de 1992. Nos últimos anos, o anuncio saltou á palestra cada vez que unha casa se desplomaba na zona nobre da cidade.