A XIX Semana Internacional de Cine arrinca o vindeiro luns

O equipo da Semana Internacional de Cine coa concelleira de Cultura (centro). Imaxe da Semana Internacional de Cine

Sen tempo a coller aire cando Betanzos retorne do século XIV ao XXI, a XIX Semana Internacional de Cine de Betanzos levanta o pano o luns 15. Este ano a cita se dedica á directora barcelonesa Isabel Coixet. Baixo o lema “un cine comprometido”, unha característica que tanto crítica como público coinciden en utilizar para cualificar o cinema de Coixet, o festival proxectará as 13 películas que conforman a filmografía da directora do 15 ao 19 de xullo.

A inauguración oficial terá lugar o día 15 ás 18.45, a cargo de Ana Veiga, concelleira de cultura de Betanzos e Jose María Paz Gago, director do festival.

O extenso e variado programa da XIX edición da Semana Internacional de Cinema de Betanzos contará tamén coa presenza de expertos e personalidades do mundo da cultura como Miguel Anxo Fernández, crítico cinematográfico e director do Ourense Film Festival ( OUFF), María Donapetry, profesora da Universidade de Oxford e autora do libro Toda ollos sobre o papel das mulleres no mundo do cinema, o escritor Manuel Rivas ou Xesús Fraga, xornalista e escritor betanceiro.

O día grande será o 18 de xullo. A partir das 20.00 h. terá lugar a tradicional alfombra vermella e a entrega do premio da Semana Internacional de Cine de Betanzos a Isabel Coixet por parte da alcaldesa de Betanzos, María Barral.

Ás 21.00 h, proxectarase a última obra da cineasta barcelonesa, Elisa e Marcela, aínda en carteleira. A película será comentada por Ramón de España, escritor e cineasta, Narciso de Gabriel, profesor da UDC e autor do libro Elisa e Marcela no que se inspira a cinta, e Zaza Ceballos, coproductora de Zenit TV e homenaxeada tamén por este festival nunha das súas edicións anteriores.