A VI Ecoregata buscará limpar o Mandeo de lixo acumulado nas beiras

O Mandeo pola Ponte Vella

O vindeiro día 21 de setembro unha nova edición da Ecoregata, e van seis, buscará liberar o Mandeo de parte dos “tesouros” que non debería gardar. A saída, como é habitual, realizarase desde o porto de Betanzos ás catro da tarde, estendéndose ata as oito do serán.

A actividade está organizada pola Fundación Fragas do Mandeo, dentro da programación da VIII Semana da Custodia do Territorio, e coanta coa colaboración da Reserva da Biosfera,  e as asociacións ARBE, Roxín Roxal, Ría do Pedrido, Porta da Vila, Lar de Unta, Clube de Remo Olímpico do Mandeo e Casa Castillo.

O pasado ano os participantes “pescaron” 10 metros cúbicos de lixo nun colector ben cheo e 24 rodas, 23 das cales eran de tractores que alguén guindou aos carrizais da ría de Betanzos.