A Semana Santa nomea Cofrade de Honra a Pachico

Vía Crucis baixando a Fonte de Unta. Imaxe sacada da conta de facebook da confraría

Vía Crucis baixando a Fonte de Unta. Imaxe sacada da conta de facebook da confraría

A confraría da Semana Santa tributou o pasado venres una homenaxe ao que durante décadas foi concelleiro de cultura, Francisco Manuel Díaz Pereira, máis coñecido por Pachico. O edil socialista foi un dos grandes impulsores dos desfiles procesionais e brindou todos os medios municipais para lanzar a celebración desde o primeiro momento, facendo que superasen amplamente os desfiles do Nazareno e o Santo Enterro que organizaban as parroquias de Santa María do Azougue e Santiago respectivamente. Pachico prestou talleres, operarios e fondos municipais e implicou a asociacións e clubes deportivos no porteado de imaxes e reforzamento dos desfiles procesionais, que foron aumentando de número baixo a súa xestión. Coincidiu este momento co relevo na igrexa betanceira e supuxo tamén a creación da propia confraría. Díaz Pereira non dubidou mesmo en retratarse portando a talla da Burriña, adquirida nun obradoiro portugués.

Agora a confraría recoñece toda esta aportación de recursos públicos ao exconcelleiro nomeándoo cofrade de honra e outorgándolle a primeira medalla de plata da entidade.
No acto celebrado na Aula de Cultura o pasado venres, ademáis, proxectouse por vez primeira o video oficial das celebracións deste ano, que incorporaron como novidade un ciclo de música sacra, e mais o fallo do premio do concurso fotográfico. Unha obra de Laura Muíño ilustrará o cartel do vindeiro ano, tal e como establecían as bases da convocatoria.