A Semana da Custodia céntrase nas especies que desaparecerán na comarca

Escribenta das canaveiras. Seo Birdlife

A VIII Semana da Custodia do Territorio, que terá lugar entre o 14 e o 22 de setembro, analizará na súa programación as especies que corren un maior risco de extinción na nosa bisbarra, algunha incluso en perigo crítico no conxunto do planeta. A Semana segue a estar organizada conxuntamente entre a Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos e Fragas do Mandeo.

No ciclo de conferencias que abre o evento, programadas para o 14 de setembro desde as nove e media da mañá no Salón Azul do Edificio Arquivo, Pedro Galán, profesor e investigador da Universidade da Coruña, ofrecerá os resultados do seu recentemente rematado proxecto de investigación sobre as poboacións de saramaganta e de lagartixa da serra no río Mandeo.

A continuación intervirá César Ayres, da Asociación Herpetológica Española, para tratar o caso do sapoconcho europeo, que abordará os motivos do seu declive e as posibilidades de recuperación. Por último, Emilio Martínez Sabarís, anelador experto do Grupo de Anelamento Científico de Aves Anduriña, vai informarnos da situación da escribenta das canaveiras iberoccidental.

“Como este paxariño está en perigo crítico de extinción en todo o planeta, e a ría foi considerada zona de potencial expansión no seu plan de recuperación, debemos facer todo o posible para mellora-los seus hábitats de cría e de alimentación” explican desde a Fundación Fragas do Mandeo, que convida á alcaldesa de Betanzos, María Barral, a dar a benvida ás xornadas malia promover o seu goberno un proxecto que pode resultar letal para a presenza desta ave no curso do Mandeo.

O programa das xornadas complétase cunha xornada de eliminación de flora invasora  en Chelo o domingo día 15, a ecoregata o día 21 e unha xornada de limpeza simultánea de ríos coordinara polo Proxecto Rios no Lambre, para o 22.