A San Silvestre deste ano será virtual e terá 5 km

Un intre dunha carreira popular. Imaxe de Amigos do Casco

O Concello de Betanzos organiza para este Nadal unha Carreira e Andaina Solidaria a beneficio de Cruz Vermella de Betanzos e que se realizará de xeito virtual. Colaboran As Vellas non Paramos, COMPAS Proxectos, Policia Local de Betanzos, Agrupación de Voluntarios de Protección Civil Betanzos, Cruz Vermella Betanzos.

A recollida de dorsais farase na Carpa da Ilusión instalada na Praza Irmáns García Naveira os días 19, 26 e 30, de 10:00 a 14:30 h e de 16:00 a 21:30 h, e o 31 de decembro, de 10:00 h a 14:30 h, onde as persoas participantes maiores de idade achegarán os 5 quilos de alimentos non perecedoiros (os e as menores de xeito voluntario), ou o equivalente en produtos de hixiene.

O percorrido será libre, de 5000 metros e as persoas inscritas terán que darse de alta nunha aplicación para que vaia sumando os seus quilómetros percorridos. En 14 días péchanse as inscricións (o 31 de decembro, se antes non se esgotaron as prazas dos 500 competidores dispoñibles).

Terá premios para os disfraces máis orixinais, e sortearanse ceas en establecementos da localidade.