A programación municipal do Entroido evidencia o engano da información turística do web municipal

Máscara de entroido realizada no obradoiro de Sargadelos

A programación deseñada polo goberno local para o Entroido que se aproxima cae na repetición e na falta de imaxinación que ven sendo tónica habitual. Festas infantís nos locais sociais de barrios e parroquias, baile da terceira idade, verbena popular no Campo e mais Enterro da Sardiña son os actos previstos e incluídos na axenda cultural municipal para febreiro. E o que é peor, evidencia o engano do web municipal cando fala do entroido betanceiro con afirmacións como que ao longo do Luns e Martes de Entroido “teñen lugar distintos desfiles, tanto de carrozas como de disfraces”.

Festas infantís no Liceo e nos locais sociais

Concretamente, as festas infantís terán lugar entre o 4 e o 12 de febreiro a partir das cinco da tarde nos locais sociais municipais. A programación municipal explica que arrincarán en Xanrozo o 4, na Ribeira o 5, o 10 en Guiliade e Infesta, o 11 na Angustia e o 12 na Condesa, Saavedra Meneses e Pintor Seijo Rubio.

O Martes de Entroido, haberá outra festa infantil, nesta ocasión na Sala de Usos Múltiples do Edificio Liceo (a última planta, no que non ocupa o Belén móbil) que “rematará cun desfile infantil de disfraces con sorteo de agasallos entre os nenos e nenas que participen”. Tamén será ás cinco da tarde.

O baile para a terceira idade pasa ao Entroido Pequeno, á tarde do domingo 18 desde as seis da tarde na Aula de Cultura. Mantén, iso si, o sorteo de cestas con “productos típicos”.

Concursos de disfraces na Cañota e no Rollo o Luns de Entroido

Os locais de hostalaría das rúas da Cañota e o Rollo e organizan os xa tradicionais concursos de disfraces na noite do Luns de Entroido, dotados de varios premios en metálico en categorías individuais e de grupo. As bases de cada un deles están a disposición do público na cartelería anunciadora en cada unha das dúas rúas da “movida”. “O luns pola noite son masivos os disfraces que se poden observar en toda a cidade” asegura o web municipal, se acaso en referencia á concorrencia que ambas citas poidan congregar porque, desde logo, na programación oficial non hai nada.

Un Martes de Entroido de premio para uns desfiles de carrozas inexistentes

O Martes de Entroido, festivo local, desde as seis da tarde, o Campo acollerá unha “verbena popular” no Campo coa orquestra Jerusalén. “O martes ao longo de toda a tarde noite ten lugar a entrega de premios aos mellores disfraces, tanto individuais como colectivos” asegura a información turística que o goberno local introduciu no novo web municipal. Serán, suponse, os premios para os “distintos desfiles, tanto de carrozas como de disfraces” que o executivo socialista asegura que existen durante estes días na nosa cidade.

Un enterro da Sardiña “famoso” que “satiriza e ironiza” da actualidade local

E para as sete e media do 14 de febreiro está prevista a saída, desde o Edificio Arquivo, do Enterro da Sardiña. “Formarase a comitiva fúnebre que acompañará a Sardiña polas rúas betanceiras, finalizando no Malecón coa queima da Sardiña no río e cunha sesión de fogos de artificio e posteriormente na Praza dos Irmáns García Naveira procederemos á queima do Deus Momo e despediremos o Entroido” explica o programa.

O web asegura que é “famoso” este enterro da sardiña, onde “se satiriza e ironiza sobre os aspectos máis relevantes da vida da cidade”. Hai tempo que tal cousa desapareceu, ocupando o seu espazo carrozas empregando o corpo da muller como reclamo para captar a atención.

Esquecemento do tradicional e falta de ideas

Como se acostuma dicir cando alguén fai algo de maneira mecánica e reiterativa, “sota, cabalo e rei”. Ou o que é o mesmo, festa infantil, verbena e baile da terceira idade. Vale o mesmo para o Nadal que para o Entroido, cambia Papa Noél por un paiaso e a cesta de Nadal con outra con cacheira e butelo. Falta de imaxinación na programación- reiterativa e repetitiva- e ata na cartelaría que se suple contratando empresas de animación, luces de festa e carrozas para suplir unha participación que non se fomenta.

Desaparecen por completo da programación as datas e os contidos tradicionais que dan sentido a unha festa cun milleiro de anos as costas. O tradicional, o irreverente e o imaxinativo, o máis mundano e os contidos para todo ese abano de poboación que queda entre as festas infantís e os bailes da terceira idade queda fóra da oferta municipal, que os deriva sen máis opción aos locais de copas.