A Ponte Vella celebra xa a novena dos Remedios

Romaría dos Remedios

Desde o pasado venres 30 o santuario renacentista dos Remedios celebra a novena na honra da súa titular, Nosa Señora do Camiño. Será o vindeiro día 7 cando remate a novena para dar paso, desde as primeiras horas do día 8 á concorrida romaría dos Remedios.

Nese momento, desde as oito da mañá en que ten lugar a primeira cerimonia relixiosa- que se repetirá cada hora- ata as 13 horas, en que terá lugar a misa solemne, o barrio permanecerá practicamente colapsado. Ademais, ao caer en domingo, agárdase unha maior afluencia de romeiros.

Ás oito do serán sairá a procesión, que percorrerá o antigo barrio da Ponte Vella ata o linde co río Mandeo. A imaxe deterase no chamado Cruceiro do Camiño Novo, onde unha familia do barrio lanza unha salva de bombas todos os anos en cumprimento dunha vella promesa, antes de descender e retornar ao templo. A continuación, unha última misa pechará a xornada.

Aínda que a copatroa de Betanzos é a Nosa Señora da Asunción de Santa María do Azougue, para a devoción popular a dos Remedios é a copatroa da cidade. E é, por descontado, a patroa dun dos barrios máis antigos e con personalidade propia de Betanzos, o da Ponte Vella.