A pista de salto na Fonte das Catro Estacións non tiña autorización de Patrimonio

A pìsta de salto. Foto do BNG

Agardarán en van tanto a Asociación de Amigos do Pasatempo como o BNG a que o goberno local entregue a copia das autorizacións de Patrimonio para construír a pista de salto a carón do vaso da fonte das Catro Estacións. Non pola xa tradicional opacidade do equipo presidido por María Barral, senón porque, directamente, carecía de tal cousa.

A Dirección Xeral de Patrimonio abriu un expediente con dilixencias informativas sobre o suceso e requeriu ao goberno local a remisión de información sobre o acontecido a carón da fonte, segundo desvelou o diario La Opinión de A Coruña. A Consellería de Cultura exixe a remisión de datos ao goberno Barral “co fin de aclarar as circunstancias destas obras”.

BNG e PP anunciaran que tamén pediron a este departamento da Xunta información sobre as autorizacións outorgadas para executar estas instalacións, que exixiu a apertura de gabias a escasos metros do actual vaso da fonte e, probablemente, afectando ao oco orixinal que aínda está no subsolo.

Se as explicacións que poida remitir o goberno Barral non convencesen a Patrimonio, o Concello podería afrontar un expediente sancionador ao construír esta pista no ámbito de protección do Ben de Interese Cultural do Pasatempo obviando o réxime de protección patrimonial da fonte e o seu entorno, incluídos expresamente na delimitación do BIC contra o que, curiosamente, alegara en contra no seu día o goberno socialista.

O edil responsable de patrimonio e deportes, Andrés Hermida, defendeu a intervención realizada polo goberno local asegurando que é unha “actuación provisional”. A pasada semana, Hermida evitou aclarar se as obras contaban co preceptivo permiso de Patrimonio- agora xa se sabe que a fixeron ás bravas- ao realizarse dentro do ámbito de máxima protección do BIC do Pasatempo e insistiu en que a obra foi solicitada polo clube de atletismo. Alegou, para evadir as críticas, que “non é ningunha execución definitiva” porque o entorno no que o executivo local optou por construír esta pista “está sometido ao proxecto de recuperación do Pasatempo.