A lenda dos Remedios

O cemiterio está a carón do santuario dos Remedios

O cemiterio está a carón do santuario dos Remedios

Iniciada a novena dos Remedios, no barrio da Ponte Vella, e dentro do percorrido polas lendas da nosa comarca, é un bo momento para reparar na lenda que explica a fundación do santuario mariano de máis devoción na comarca. Agradecemos ao lector que nola enviou as molestias e animamos a quen saiba algunha outra lenda que nola remita, ben polo noso perfil de facebook como a xornaldebetanzos[arroba]gmail.com.

Rodrigo Bermúdez de Osorio, parente dos Andrade e dono dos coutos e lugares de San Pantaleón dás Viñas e veciño de Betanzos, foi un nobre que viviu a finais do século XV. Un día, cubrindo o camiño que vai de Betanzos a San Pantaleón, unha luz sinaloulle o lugar onde debía acharse a imaxe da Virxe.

Ordenou que comezasen os traballos de escavación e pronto apareceu unha pequena imaxe de pedra, admirablemente tallada e en moi bo estado de conservación. É a que aínda hoxe en día está exposta sobre unha columna de granito á esquerda do presbiterio. No lugar en que aparecera a imaxe, no camiño real de Betanzos a Ferrol, ergueuse unha sinxela capela, que non se conserva. Tomou nome o santuario do Camiño no que aparecera a Virxe, mais tamén o de Ribacavada, por ter aparecido na marxe excavada do camiño.

O santuario actual, e isto xa está fóra da lenda, foi levantado polos veciños da Ponte Vella logo de que o Mandeo levase por diante a Ponte Vella e impedise que acudiran ao culto nos templos do interior da muralla. As obras, magnífica mostra do Renacemento, arrancaron en 1562 e remataron o 9 de outubro de 1601, como reza unha inscripción, baixo a dirección de Juan de Herrera. Do vello santuario de Ribacavada só queda a escaleira de caracol, cuxa porta está á dereita do actual presbiterio.