A humidade ameaza os murais da igrexa románica de San Martiño de Bravío

San Martiño de Bravío, do século XII. Galipedia

O románico de San Martiño de Bravío encerra máis dunha sorpresa tras os seus muros do século XII. Ademais da súa colección de canzorros e a sinxeleza do seu arco triunfal sobre capiteis de acantos, o templo encerra na súa nave rectangular pinturas murais. Uns frescos que, tras devorar o retábulo a couza, son pasto da humidade, que xa deu boa conta de parte dos debuxos que decoran a bóveda de canón do templo.

Baixo a cal dorme parte da policromía do templo, sen estudar a fondo. Esa, de momento, tranquila. A que se ve, máis corroída pola humidade, que emana do próximo Mendo. En torno a 70 000 euros cóntase que custará abordar a recuperación integral dos murais e protexelos da humidade. Unha contía superior ao que pode afrontar esta pequena parroquia rural de Betanzos, dirixida desde hai décadas desde a parroquia betanceira de Santiago.

Unha ruta polas pinturas murais da comarca

As de Bravío non son as únicas pinturas murais ameazadas pola humidade na comarca. Nin sequera en Betanzos. Moi cerca, en Cuíña, e probablemente da mesma época, os danos na cuberta no templo de Santa María ameazan a pervivencia doutra colección de pinturas votivas.

Sen saír de Betanzos e sen contar a policromía suposta dos relevos cinexéticos franciscanos, no santuario dos Remedios as pinturas murais descubertas ao retirar outro retábulo danado sucumbiron á falta de atencións. Segundo o que conta quen fora crego neste templo, Manuel Ares Faraldo, no Anuario Brigantino de 2013, “Fai aproximadamente uns corenta anos ao observar que a humidade existente na igrexa poñía ao descuberto un arco; o párroco sospeitou que alí algo podería ocultarse e procedeuse con gran coidado ao picado; con gran asombro puido ver que había dous arcos dos cales, unha vez retiradas as pedras de sillería montadas con barro, apareceron dous murais que representaban milagres da Virxe, un deles máis difuso que o outro debido á humidade do barro adherido aos mesmos. En ambos se aprecia con bastante dificultade á nosa Señora dos Remedios e aos pés do seu altar unha devota, que se supón tullida, en actitude implorante de curación á que acompañan un ou dous cabaleiros
ou familiares”.

“No outro arco soamente apréciase con nitidez unha pechina, e á dereita, na parte superior, con certa dificultade, distínguese unha imaxe da Virxe e no centro, á esquerda un cabaleiro en actitude orante” relata. A día de hoxe apenas se distinguen uns anxos a redor do camarín da Virxe e unhas vieiras sobre un arco cego, de todo o que un día decorou o templo, xunto coa inscripción de remate de obra.

Santa María de Pontellas, na parroquia betanceira de Castro Pontellas, tamén tivo unhas pinturas murais supostamente románicas, como a traza do templo. Perdéronse hai décadas, ao cambiar a cuberta do templo por unha a base de viguetas de formigón.