A hostalaría reclama na rúa un “rescate xa” que o PP veta no Parlamento de Galicia

Un intre da convocatoria. FOto de SOS Hosteleria Betanzos

Arredor de trescentas persoas, entre hostaleiros, achegados, sectores relacionados coa hostalería e veciños, secundaron onte o chamado da plataforma gremial en demanda dun plan de rescate para o sector. A marcha, que discurriu desde o polideportivo ao Campo atravesando a circunvalación, ía aberta por un coche fúnebre, metáfora do futuro inmediato para o sector.

Desde as escaleiras do adro de San Domingos leron un manifesto demandando máis axilidade nos pagos das axudas municipais e un plan de rescate para o sector con participación de todas as administracións. Aproveitando a cita, o PP anunciou que pediu un pleno extraordinario “para impulsar axudas á hostalería local”, sen concretar as premisas deste plan, a diferencia do rescate proposto hai uns días polos nacionalistas.

Apenas unhas xornadas antes, o PP pasaba o seu rolete no Parlamento de Galicia para votar contra a creación dunha liña de axudas directas á autónomas e autónomos e Pemes vinculadas á hostalaría que propuxo na Cámara do Hórreo o BNG. Os nacionalistas advertían da gravísima situación económica do sector da hostalaría e reclamaban un Plan de Rescate que cubra o 70% das perdas polas restricións da pandemia e compatible con calquera outra axuda pública. Os votos do grupo maioritario do Partido popular impediron que a proposta do BNG prosperara.

Plan de rescate que cubra o 70% das perdas e sen pago de cotas á SS

O Bloque demandaba un acordo para constituír un Plan de Rescate Específico para o sector da hostalaría (bares, cafetarías, restaurantes, ocio nocturno e salas de concertos) e autónomos e Pemes directamente asociados e dependentes do sector (distribuidores); todos eles especialmente afectados polas restricións adoptadas para frear a propagación do coronavirus. “Plan que cubra o 70% das perdas ocasionadas polas restricións e sexa compatíbel con calquera outra axuda ou medida de fomento outorgada dende as administracións pública.

Por outra banda, demandaban tamén á Xunta a solicitar do Estado español a abrir unha liña de axudas directas específica para o sector da hostalaría e negocios directamente asociados e dependentes do sector, que sexa compatíbel con calquera outra axuda ou medida de fomento outorgada dende as administracións públicas. Exonerar do pago das cotas de seguridade social aos autónomos do sector da hostalaría afectados polas restricións totais ou parciais de actividade e exonerar tamén do pago as cotas empresariais á seguridade social correspondente ao tempo do peche para aqueles autónomos do sector gravemente afectados pola necesidade de adoptar restricións de actividade. E ampliar até os 3 anos o período de carencia dos créditos ICO.