A Deputación da Coruña apoia con 900.000 euros aos clubs deportivos que participan en competicións

O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publicou onte a resolución definitiva da liña de axudas pola que a Deputación da Coruña destina 899.990,29 euros a apoiar aos clubs deportivos e deportistas da provincia que participan en competicións de ámbito estatal e internacional.

Beneficia a un total de 108 clubs coruñeses masculinos e femininos de todas as especialidades deportivas (fútbol, baloncesto, atletismo, balonmán, rugby, natación, piragüismo, remo, ciclismo, voleibol, hóquei, ximnasia, judo, taekwondo…) que participan en competicións deportivas do máis alto nivel. Outras 18 axudas foron denegadas por motivos como a desistencia na solicitude, duplicidade ou non ter presentada a documentación requirida.

A deputada responsable da área de Deportes da institución provincial, Cristina Capelán, destacou a “importante contribución deste programa para apoiar aos principais equipos do deporte coruñés e situalos á vangarda do deporte galego e estatal”.

O club de piragüísmo Ría de Betanzos recibirá 5.949,15 euros e o club de baloncesto Santo Domingo 5.950,00 euros.