A Deputación aproba no vindeiro pleno o convenio para rehabilitar o Pasatempo

Un intre da visita ao Pasatempo para presentar o convenio: Hermida (PSOE), Amelia Sánchez (BNG), o voceiro do PSOE na Deputación, o presidente provincial, a alcaldesa, o vicepresidente Xosé Regueira (BNG), os arquitectos Vieites e Casabella, e o edil socialista Diego Fernández

A Deputación da Coruña e o Concello de Betanzos dan luz verde a un investimento de 525.000 euros para executar a primeira fase das obras de rehabilitación do parque enciclopédico do Pasatempo, na localidade brigantina.

Tras meses de trámites para contar coas autorizacións necesarias por parte da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta para a execución das obras nun espazo declarado BIC o pasado mes de febreiro, a Deputación aprobará esta tarde en comisión e o vindeiro 25 de setembro en pleno o convenio de colaboración co Concello de Betanzos para financiar os primeiros traballos, que permitirán recuperar os case 700 metros cadrados da zona do estanque do Retiro, seriamente danada tras un derrubamento hai dous anos.

Así o anunciaron hoxe no propio Pasatempo o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e a alcaldesa de Betanzos, María Barral Varela, durante unha visita oficial do presidente á localidade na que tamén estiveron presentes o vicepresidente, Xosé Regueira, e o portavoz do Goberno provincial, Bernardo Fernández, o arquitecto redactor do proxecto, Xan Casabella, e os portavoces dos distintos grupos políticos representados na corporación brigantina, así como representantes da asociación Amigos do Pasatempo.

Valentín González e María Barral expresaron a súa satisfacción por este último paso administrativo antes de que, por fin, podan iniciarse as primeiras obras para recuperar esta parte central do Pasatempo e impedir que siga deteriorándose.

Falta concretar o compromiso da Xunta para salvar o Pasatempo

González Formoso afirmou que o convenio materializa “o compromiso adquirido por este Goberno provincial para apoiar ao Concello na recuperación e posta en valor dun ben patrimonial único en España, moi querido no só polos betanceiros e betanceiras, senón por toda a provincia da Coruña e de interese para toda Galicia”, aínda que lembrou que a lexislación vixente establece claramente que a conservación do patrimonio cultural e histórico é competencia da Xunta de Galicia.

Neste sentido, reclamou que a administración autonómica cumpra as súas promesas e ofreza o apoio técnico e económico comprometido ao Concello de Betanzos para completar un proxecto integral de rehabilitación do parque. “O compromiso provincial debería ser unha lección para que todas as administracións se impliquen decididamente con recursos económicos para a recuperación do Pasatempo”, afirmou.

Pola súa banda, a alcaldesa de Betanzos, María Barral, agradeceu “o compromiso que nos encontramos desde o primeiro minuto no goberno provincial de González Formoso e a súa disposición a colaborar á hora de sentar as bases económicas para poder abordar estas primeiras obras”. Barral urxiu tamén á Xunta a presentar “desde o proxecto integral ata financiamento para poder continuar as obras e non quedarnos só co anuncio de incluír este Ben de Interese Cultural na solicitude do 1,5 % cultural”.

A alcaldesa afirmou tamén que o goberno municipal está pendente de que desde o Goberno central se concreten axudas. “Sabemos que hai boa disposición e traballaremos tamén nese camiño”, afirmou María Barral, que anunciou tamén que o Concello encargou outro proxecto para continuar as obras de restauración doutro estanque no primeiro nivel, na Gruta do Pasatempo.

O vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira tamén incidiu a necesidade de colaboración por parte das diferentes administracións para recuperar a obra, sobre todo “noutros ambitos administrativos con máis capacidade económica e que teñen ademais a responsabilidade de velar polos BICs no territorio galego”.

Esta primeira fase das obras suporá un investimento cercano aos 525.000 euros, dos que 419.943, 76 € serán achegados pola Deputación e 104.985,95 polo Concello de Betanzos.

Un ano e medio para a execución dun traballo “complexo e artesán”

Os fondos empregaranse para a recuperación dos elementos máis deteriorados do parque debido a súa antigüedade e ao efecto da auga: o Estanque do Retiro e o seu templete, un espazos máis representativos do Pasatempo, que precisa dunha actuación urxente para evitar a súa destrución, segundo explicou o arquitecto Xan Casabella, que apuntou que incluirá a recuperación de todos os elementos escultóricos, pictóricos e arquitectónicos desta área. Os traballos acometeranse ao longo de ano e medio segundo indicou Casabella, xa que se trata dun traballo que “ten moita complexidade, moi artesán”.

O estanque do Retiro conta con case 700 metros cadrados e está escavado a 5 metros de profundidade. No seu centro ubícase un templete de inspiración oriental, que conta cunha ornamentación única na que destacan elementos tan eclécticos e representativos coma a Torre de Hércules, imaxes de indios remando e mulleres baleirando os seus cántaros.

Ademáis de evitar a perda dos elementos, as obras prentenden recuperar este espazo e garantir a súa seguridade para que poda ser visitable e un punto de inflexión para a recuperación do resto de elementos únicos do parque.