A Demarcación de Costas limpa o curso final dos ríos no treito urbano

A limpeza do Malecón este verán non solucionou o problema

A Demarcación de Costas iniciou a limpeza das marxes dos ríos Mendo e Mandeo ao longo da zona urbana. O ente, dependente do goberno español, acaba de iniciar os traballos de limpeza, entre a Ponte Vella e a zona do Carregal, o lugar no que o río Mendo deixa de ser considerado como litoral e ata o cal ten competencia, polo tanto, a Demarcación.

A previsión é que os traballos duren varios días, nos que se procederá á retirada de toda clase de refugallos e broza da zona. Como complemento a estas obras, o goberno local está a levar a cabo unha serie de traballos para a retirada de árbores e troncos de grandes dimensións de ambos cauces.

A Demarcación de Costas ten competencia no treito dos ríos que se consideran litoral. Sería, supostamente, ata onde chega a marea, mais no caso do Mendo abarca ata a ponte do Carregal. No caso do Mandeo chega ao límite con Coirós. Onde o río xa non se considera litoral a competencia é de Augas de Galicia, un organismo da Xunta.