A Defensora del Pueblo súmase ás críticas contra o paseo do Mandeo

A ponte e a escolleira proxectadas. A imaxe do proxecto foi remitida polo BNG

A ponte e a escolleira proxectadas neste paseo. A imaxe do proxecto foi remitida polo BNG

A construcción dun paseo pola Cañota e San Xiao ata os Caneiros, promovida polo executivo local socialista e a anterior Deputación do PP, continúa sumando críticas. Ás pegas que oito organizacións ecoloxistas e o BNG puxeron polo trazado e o seu impacto no rico ecosistema dun Mandeo que é Rede Natura e Reserva da Biosfera chega agora, nada menos, que a da Defensora del Pueblo, que se amoas moi crítica coa tramitación da senda no seu informe do pasado ano.

A alta comisionada das Cortes Xerais emitiu o pasado ano unha “suxestión” na que insta ao executivo local a “valorar, conxuntamente coa Deputación Provincial, a procedencia de solicitar un informe complementario á Dirección Xeral de Conservación da Natureza sobre o impacto da construción da senda sobre o hábitat da especie en perigo de extinción e da suficiencia das medidas preventivas ou correctoras adoptadas”. A especie en cuestión non é outra que a escribenta das canaveiras noroccidental, un endemismo que habita no carrizal de San Xiao e apenas outras dúas localizacións en toda a Reserva da Biosfera.

A Defensora del Pueblo, indica que “o Plan de recuperación da especie identifica como impactos causantes do declive das poboacións, entre outras, a destrución do seu hábitat; o incremento da depredación pola diminución da vexetación; as curtas da vexetación en épocas sensibles; a urbanización e as vías de comunicación, os movementos de terras, as molestias en época de reprodución (abril-xuño), etcétera” e advirte que estas actuacións son algunhas das previstas no controvertido proxecto que defende o goberno local do PSOE.

Isto, relata no seu informe, tratou de cotexalo con diversa documentación que non foi facilitada á súa oficina, polo que reitera estas solicitudes ao goberno local, mentres recomenda un exhaustivo informe sobre as medidas correctoras a adoptar no caso de persistir en levar adiante un proxecto que pode danar irreparablemente a colonia desta ave a carón do centro de Betanzos. E advirte tallante que “a mera afirmación de que non é de esperar que se produzan afeccións que menoscaben os valores naturais do espazo, non parece supoñer unha avaliación ambiental completa, en particular respecto da especie de ave catalogada en perigo de extinción, aínda que o trazado da senda afastouse uns metros do hábitat da especie”.