A Corporación celebra hoxe o último pleno da lexislatura

O pazo municipal

Con nove puntos na orde do día e desde as oito e media do serán, a Corporación municipal celebrará a que será última sesión ordinaria da lexislatura. Na Sala Capitular aprobaranse as actas dos plenos de outubro e novembro do pasado ano, así como darase conta dos decretos da alcaldía.

Sortearanse os membros das mesas para os comicios municipais e europeos do vindeirop mes e previsiblemente aprobarase de xeito definitivo a “ordenanza municipal para a protección e conservación de camiños e vías públicas municipais en relación coas operacións de saca de madeira”.

O goberno local aproveitará o último pleno para cumprir cos trámites para dar a medalla de prata da cidade á Farmacia Couceiro e para darlle o nome de “José García Ventosa” ao velódromo municipal do Carregal.

Os grupos presentan tres mocións. BN unha sobre actuacións de urxencia no parque enciclopédico e o BNG unha sobre cobertura de vacantes na escola infantil municipal e outra sobre a conservación da fábrica da luz.