A Coral provoca a todos facendo pregoeiro da Semana Santa a Paco Vázquez

A talla gótica do Cristo dos Mareantes nun desfile da Semana Santa

Francisco Vázquez, exalcalde da Coruña e exembaixador do estado español ante o Vaticano, é a persoa escollida pola Coral Polifónica para dar o pregón da Semana Santa. Vázquez é moi coñecido polas súas posicións católicas conservadoras- boicoteou a postura do seu partido nunha votación nas Cortes Xerais sobre a lei do aborto- e contrarias á normalización do idioma galego- célebre foi a súa campaña a prol dunha grafía ilegal do topónimo da cidade que gobernou por décadas.

O exedil e exembaixador abandonou o PSOE e aproximouse a Ciudadanos, ao punto de moitos o sinalar como muñidor da candidatura que o partido laranxa presenta na Coruña. Abandonara a Coruña tras facerse públicos os seus negocios eólicos e de minicentrais hidroeléctricas co que era xefe da patroal, e o goberno español do PSOE recolocouno coma embaixador no Vaticano, o premio ás carreiras diplomáticas. Con Vázquez o PSOE fixo un nomeamento político na embaixada ao que logo seguirían- e criticarían- os que o PP fixo nas de Reino Unido e outras nas que situou exministros.

A escolla do pregoeiro segue no ronsel da elección do pregoeiro das últimas festas patroais. O goberno de María Barral elixiu ao controvertido maxistrado betanceiro Antonio Fraga Mandián, que protagonizara varias polémicas e xuízos a conta de obviar a lexislación sobre o galego, levantando unha polémica de varios días.

Hai uns días, tras reunirse coa confraría da Semana Santa, a candidata do PP adiantaba o programa que se desenvolverá este ano nun comunicado de prensa.