A confraría pídelle ao PP un local para gardar os seus enseres

A talla gótica do Cristo dos Mareantes, da igrexa do Azougue, nun desfile da Semana Santa

A candidata do PP á alcaldía, Cecilia Vázquez, mantivo unha xuntanza coa confraría da Semana Santa na que a organización relixiosa, segundo o PP, tería solicitado un local “habilitado e coas condicións de humidade e temperatura axeitadas para almacenar pasos e traxes”. Das imaxes que o colectivo utiliza, tan só é da súa propiedade a do Domingo de Ramos, sendo o resto de titularidade dos templos betanceiros e expostas habitualmente ao culto relixioso.

A candidata ofreceu “todo o seu apoio e o do PP” para manter os desfiles procesionais. Vázquez adiantou, nun comunicado de prensa, o programa que a entidade elaborou para o ciclo litúrxico deste ano, que arrancará cunha conferencia do cronista oficial o xoves 22 de marzo baixo o título “Recorrido histórico por la Semana Santa de Betanzos”, e a entrega de premios do concurso fotográfico do pasado ano o 13 de abril.