A CIG recorrerá nos tribunais a RPT imposta por María Barral por excluír parte do cadro de persoal do Concello

María Barral e Diego Fernández, concelleiro de Persoal, nun desfile

Confirmouse a advertencia tras desestimar o PSOE as alegacións que os traballadores municipais fixeran á Relación de Postos de Traballo (RPT): a CIG anunciou que presentará recurso contencioso contra a Relación de Postos de Traballo que os votos do PSOE en solitario aprobaron no pasado decembro en pleno.

A Intersindical Galega avanzou que, ademais, nalgúns casos concretos presentará tamén un recurso de reposición contra o acordo adoptado polos concelleiros do PSOE pola discriminación na valoración dos postos da RPT. Os edís socialistas rexeitaron practicamente todas as alegacións presentadas pola CIG en representación dun grande número de traballadores laborais.

A CIG denunciou que a proposta “discrimina ao persoal laboral” e criticou tamén que o goberno Barral incumprise o seu compromiso e non incluíse varias das prazas que foron declaradas indefinidas polos tribunais. A RPT xa fora imposta polo goberno socialista sen unha negociación efectiva, o que levou á oposición a rexeitala cando se aprobou inicialmente no pleno, hai practicamente un ano.

A xestión dos recursos humanos do Concello ten xenerado un rosario de condenas contra a administración local debido ás abondosas irregularidades en que incorreron ao longo das décadas os sucesivos gobernos socialistas desde que os presidía Manuel Lagares e dos que a actual rexedora, forma parte desde 2003.