A CIG presenta máis alegacións á RPT imposta por Barral aproveitando que o goberno local a publicou mal

Diego Fernández, concelleiro de Persoal, e María Barral, alcaldesa

Incumprir as exixencias legais de publicidade dos acordos adoptados polos órganos municipais ten consecuencias. En ocasións supuxo a anulación de acordos de grande calado tras recorrer os afectados nos tribunais e noutras implica ter que volver a iniciar prazos de exposición pública. Isto último aconteceu coa relación de postos de traballo (RPT) que o goberno Barral impuxo o pasado mes de febreiro.

O goberno local non publicou o documento na sede electrónica, como a lei exixe e o propio acordo de aprobación dispuña, polo que se viu na obriga, por facer as cousas mal, de ampliar o prazo de exposición pública para presentar alegacións. E a CIG, primeira forza en respaldo entre o persoal laboral do Concello, aproveitouno para presentar outra batería de reclamacións contra o documento. Nomeadamente son “reclamacións pola discriminación que supón a exclusión do documento á práctica totalidade do cadro de persoal laboral do Concello de Betanzos”.

“A propia Secretaría e Intervención advertiron nos seus informes, previos á aprobación da RPT que este documento non reflectía a realidade do cadro de persoal do Concello de Betanzos e que inclumpría claramente a lexislación que determina que as relacións de postos de traballo deben ser reais e coincidir cos cadros de persoal” recordan desde a Intersindical Galega.

Neste momento, logo das alegacións da CIG, e das realizadas por traballadores laborais e funcionarios do Concello de Betanzos, estas deben ser informadas e estimarse ou desestimarse nun pleno. “No caso de que fosen desestimadas, tanto os sindicatos comos os traballadores que realizaron alegacións deberán ter unha notificación coa responsta ás as súas alegacións e será nese momento onde decidirán se ir a un contencioso co Concello” abundan desde a central sindical nacionalista, que xa avanza que “esgotará todas as vías posibles de reclamación xa que baixo ningún concepto pode permanecer impasible ante este atentado ao cadro de persoal laboral, que demostra un desprezo absoluto do goberno de María Barral polo traballo que realiza a meirande parte do persoal do Concello de Betanzos, xa que os laborais superan en número ao funcionariado”.

“A imposición dunhas condicións laborais inferiores para o persoal laboral con respecto ao funcionariado vén de lonxe e ten moita historia neste Concello, toda a historia dos gobernos que maiormente foron do PSOE estivo marcada polas desigualdades salariais, se ben, o goberno de María Barral é o primeiro que opta por eliminar da RPT as prazas do persoal laboral que viñan aparecendo historicamente no BOP” reproban.

“o novo goberno presidido por María Barral non só truncou xa por tres anos estas negociacións, senón que tamén eliminou de raíz a pegada da existencia do persoal laboral da Relación de Postos de Traballo”

DIego Fernádez, concelleiro de persoal, entregando un premio ao capataz do GRUMIR e actual presidente do comité de empresa. Foto do Concello

“No ano 2015, hai xa 5 anos, o anterior Comité de Empresa, só coa CIG e con UGT en contra, chegara a un acordo para iniciar o camiño da equiparación salarial co funcionariado e o compromiso do goberno daquela de Ramón García fora continuar nesa liña” recordan repasando o camiño que o documento seguiu. “Dous anos despois, e con moito atraso, o convenio entrou en vigor e tamén parecía que as negociacións ían continuar mais o novo goberno presidido por María Barral non só truncou xa por tres anos estas negociacións, senón que tamén eliminou de raíz a pegada da existencia do persoal laboral da Relación de Postos de Traballo co beneprácito do sindicato que ten á cabeza á Policía Local polo funcionariado e a persoal de Protección Civil, polo persoal laboral, xusto estes últimos os xefes que non despediron no ano 2011 xunto co resto de traballadores do anterior GRUMIR” censuran.

“Efectivamente a discriminación salarial histórica do persoal laboral e do funcionariado é o problema, mais tamén o é o desprezo polo persoal que leva máis de trinta anos traballando nesta Administración e, de súpeto, o goberno local entende que o seu posto non é suficientemente necesario para constar na Relación de Postos de Traballo mesmo en contra das advertencias de Secretaría e Intervención” explican.

“A Relación de Postos de Traballo que o Concello de Betanzos aprobou coa CSIF é un total despropósito e un desprezo cara ao persoal laboral e é un paso atrás no camiño da igualdade entre os traballadores e traballadoras deste Concello” advirten. “A CIG, tal e como veu facendo todos estes anos, seguirá loitando polo recoñecemento do traballo e pola igualdade de salario e de condicións do persoal laboral con respecto ao funcionario e non desistirá nesta loita por moitos atrancos que lle poñan no camiño nin moitos xefes que queiran mandar máis aló dos seus servizos, porque todos e todas as traballadoras deben ser tratados en igualdade de condicións” conclúen.