A CIG leva maioría de votos entre o persoal laboral do Concello e o CSIF de representantes

Diego Fernández, concelleiro de facenda e persoal, nun pleno

O CSIF logrou a maioría absoluta nas eleccións de persoal funcionario do Concello de Betanzos ao lograr tres delegados dos catro en xogo. O sindicato de funcionarios fíxose tamén co maior número de representantes entre o persoal laboral, malia obter a CIG máis votos.

O CSIF suma aos tres representantes de funcionarios catro delegados no comité de empresa fronte aos tres da CIG e dous da UGT. A CIG foi o sindicato máis votado polo persoal laboral, “mais o reparto dos delegados do persoal especialista tivo como criterio a antigüidade, motivo polo que non saiu escollido o terceiro delegado deste colexio da CIG” explica a central sindical nacionalista.

“Varios dos votos nulos tamén eran para a CIG, mais levaban a papeleta do colexio incorrecto” indica o sindicato, dando a entender que podería revisarse o escrutinio.

“A Mesa Xeral de Negociación, logo de que o CSIF acadase tres delegados nas eleccións dos funcionarios da pasada semana, terá unha ampla maioría do sindicato dos funcionarios, agora con representación en persoal laboral, que lle permitirá seguir adiante coa RPT discriminatoria, e mesmo con ata tres delegados do CSIF que son da mesma familia e que agora formarán parte da Mesa de Negociación” explica a CIG.

“A CIG, ao igual que ten feito estes anos, e independentemente de gobernos hostís ao persoal, familias que gobernan e intereses de traballadores concretos en detrimento dos restantes, continuará coa súa liña de traballo e cos reclamacións oportunas onde proceda cando o goberno pretenda levar adiante acordos en contra dos intereses dos traballadores” explican.

Os representantes do CSIF e o concelleiro de persoal, o socialista Diego Fernández, foron vistos xantando nun coñecido restaurante do Campo tras trascender os resultados.