A CIG denuncia que o PSOE aprobou a RPT onte sen incorporar todas as sentenzas de indefinición que provocou a súa política laboral

María Barral e Diego Fernández, concelleiro de Persoal, nun desfile

A CIG denunciou onte nun comunicado que a relación de postos de traballo (RPT) que onte levou ao pleno adiantado o goberno de María Barral non incorpora todas as prazas que a Xustiza veu fallando que eran persoal laboral indefinido. “Os informes achegados por Quorum que o goberno de María Barral asume plenamente estiman só 2 alegacións de traballadoras cuxos postos non aparecían en febreiro e teñen sentenza xudicial, mais desestiman outro lote de traballadores que contan con sentenzas xudiciais firmes e mesmo estiman a creación dunha nova praza de técnico de administración xeral (e xa van 2 nunha RPT na que seica non se poden crear postos sen sentenza xudicial)” explica a central nacionalista.

A Intersindical Galega chama a atención con que “ao contrario do que acontecera no ano 2015 cando o Comité de Empresa asinara o novo convenio colectivo que non entrara en vigor ata o ano 2017, o goberno de María Barral bule a levar ao pleno a denegación da meirande parte das alegacións presentadas polo persoal a esta RPT”.

“Este documento tivo un total de 39 alegacións, a maoría delas de traballadores laborais e funcionarios e a maioría delas cunha proposta de desestimación por conta dun informe de Quorum económico, a empresa que xa hai uns anos non ten contrato con esta administración mais segue informando de xeito externo, e coa grande ausencia de novos informes de Secretaría e Intervención a pesar da creación dun novo posto e da inclusión de tres novas prazas que necesariamente supoñen unha modificación económica da previsión inicial mais que, á vista dos feitos, isto non é relevante para a preceptividade dun informe da Intervención” recordan.

A CIG ten constancia de ata 8 sentenzas desde decembro de 2019 ata outubro de 2020 cuxas prazas non constan no documento. “O concelleiro de Persoal, Diego Fernández, mentiu abertamente na Mesa Xeral de Negociación ao dicir que só non se incluían as últimas sentenzas do mes de setembro, basicamente porque nin sequera inclúen unha do ano 2019 e tamén porque é un absurdo aludir á non firmeza dalgunha das sentenzas á vez que indicar que non se van recorrer, por tanto, son firmes, xa que o único que as pode recorrer é propio Concello de Betanzos” advirte o sindicato.

“A maiores, tal e como a CIG expuxo na Mesa de Negociación, o Concello errou no procedemento, posto que a inclusión dun novo posto, é unha modificación da aprobación inicial da RPT e debería haber outra aprobación inicial, do contrario, non se poden realizar alegacións á valoración dese posto, posto que na RPT de febreiro non estaba, e non só conculca os dereitos do persoal ao que isto lle vai afectar senón que o discrimina porque nin sequera aceptou ningunha das propostas para que a valoración do posto non fose discriminatoria e recollese algunhas funcións que na actualidade realiza” aseveran.

As prazas que agora o PSOE exclúe figuraban como “postos estruturais” en todas as RPT do PSOE nos 90

Tanto Barral como o seu predecesor foron concelleiros en gobernos do PSOE desde hai décadas

“Hoxe, María Barral e o seu equipo de goberno constatarán o desprezo polo persoal laboral deste Concello e perpetuarán as mentiras sobre a consolidación de postos e a RPT que o propio PSOE tivo máis de vinte anos para solucionar e non o fixo” denuncian. “A maioría dos postos do persoal laboral constaban en todas as RPT do Concello de Betanzos desde ao anos noventa e os distintos gobernos considerábanos estruturais, agora e desde o ano 2020 o Concello de Betanzos considera que a meirande parte dos postos ocupados polo persoal laboral non son estruturais, non deben forman parte da RPT, e, por tanto, non son indispensables para o normal funcionamento do Concello” recordan desde a CIG.

Mentres exclúen prazas que levan décadas cubertas, crean novos postos para funcionarios

“Se a este despropósito lle unimos que crean novos postos para funcionarios, pretenden reconverter pola vía dos complementos os postos de auxiliares administrativos ou mesmo un de chófer-alguacil, en administrativos e que un traballador de limpeza funcionario cobre máis de 3000 euros máis ao ano que un traballador de limpeza laboral fixo que probablemente leve os mesmos anos mais non tivo a “sorte” dun proceso funcionarización, esta RPT perpetuará as políticas históricas de discriminación do persoal laboral do Concello de Betanzos xa que non se acompaña de ningunha medida a curto prazo para solucionar a situación” denuncian chamando a atención sobre as graves discriminacións que o documento imposto por María Barral perpetúa.

“O que é peor, é que o goberno do PSOE nin sequera cumpre o único compromiso que reiteraba nas mesas de negociación, que era ir incluíndo as sentenzas segundo que fose chegando e que agora pasou “xa se van incluír nos próximos meses” que non fai máis que obrigar a recorrer a RPT aos traballadores afectados, cos posibles custos que isto teña para eles, a maiores dos que xa tiveron que soportar para contar cunha sentenza de indefinición” lamentan.

A CIG lamenta que “o Concello de Betanzos lle faga pagar aos traballadores e traballadoras a nefasta política histórica do persoal, que non sexa quen de dar un paso adiante, admitir as discriminacións, pór enriba da mesa un plan a curto prazo para eliminalas dunha vez por todas e tratar en igualdade de condicións a todo o persoal independentemente de que teña un contrato ou un nomeamento, sexa persoal laboral ou funcionario”. Tamén lamenta que “o sindicato de funcionarios e os representantes da CSIF tanto funcionarios como laborais apoiasen este documento que deixou patente cal era a única finalidade que tiña ao presentarse ás eleccións do persoal laboral”.

“É lamentable que o presidente do Comité de Empresa apoie un documento que considera que a meirande parte dos postos do persoal laboral non son estruturais neste Concello e que os que seica o son, deben cobrar menos por igual traballo, demostrando que no sindicato dos funcionarios aínda promove o clasismo en estado puro” conclúen, anticipando que traballan xa nos recursos diante da Xustiza contra este documento.