A CIG denuncia que o goberno local non paga según convenio ao persoal dos obradoiros

Barral, flanqueada do edil de persoal, Diego Fernández (dereita) e de Urbanismo, Andrés Hermida, nun pleno

Cinco anos. É o tempo no que CIG e PSOE estiveron falando da necesidade de poñer fin ás discriminacións retributivas co persoal dos obradoiros. Unha situación que segue dándose, “incumprindo o Convenio colectivo vixente do persoal laboral e os propios acordos cos traballadores laborais, que pasaban porque este tipo de discriminación se eliminasen” denuncia a Intersindical Galega.

O feito de non solventarse e de que o goberno Barral siga mantendo esta situación ten consecuencias económicas para os traballadores, e para o Concello, explican. “Non só presentaron reclamacións de dereito e cantidade 20 traballadores e traballadoras, senón que tiveron unha reunión co propio concelleiro de Persoal, Diego Fernández, e a concelleira de Formación e Emprego, María Jesús Regueiro, ás que asistiron dous delegados da CIG e na que se lles expuxo a problemática” engade a central sindical nacionalista.

“O goberno municipal xustificou a discriminación pola especificidade dos contratos e en contra do que indica o Convenio colectivo, manifestou a vontade de modificar o convenio para non aplicarllo a esta parte do persoal (mais iso sempre afectaría a vindeiros obradoiros) e indicou que se o informe da Asesoría Xurídica era positivo non terían problema en acceder á reclamación, que serían as diferenzas entre o cobrou o persoal e o que indica o convenio, algo máis de mil euros por traballador” relata a CIH.

“Resultou unha contradición total por parte do concelleiro non acceder directamente ao solicitado, toda vez que admitiu que para non aplicar o convenio a este persoal en futuras ocasións habería que modificalo” denuncian. “Xa sabemos que cando se trata de xustificar a pésima xestión de persoal do Concello de Betanzos todo vale” ironizan.

“Esta cuestión é aínda moito máis grave se temos en conta que este persoal traballaba 40 horas á semana, tamén incumprindo o convenio colectivo, ao facer dúas e media máis á semana que o resto, o que supuxo un total de 80 horas na totalidade do contrato que deberían ser consideradas como extraordinarias e cobradas como tal, toda vez que exceden a xornada reflectida no Convenio colectivo” abundan desde a Intersindical Galega.

Explican que “no caso de non lle pagar estas horas como extraordinarias, o Concello non só se negaría a aplicarlle a xornada do Convenio colectivo, senón que incidiría máís na discriminación deste persoal ao ser o único colectivo que non cobraría as extras, nun Concello onde a partida de horas extraordinarias medra ano a ano mentres o cadro de persoal mingua cada vez máis e os reparos suspensivos de Intervención para o pagamento destas son continuos”.

Relatan que se chega a esta situación “porque, entre outras cousas o goberno municipal do PSOE se nega a controlar a xornada laboral e así poder acreditar as horas extraordinarias debidamente, mesmo en contra da lexislación estatal que el mesmo aprobou no Estado”. O PSOE, facendo caso omiso a estas reclamacións desde hai un lusto, subiu as retribucións dos edís do goberno local, que copa, apelando precisamente á suba retributiva dos empregados públicos.