A CIG demanda ao goberno local que negocie unhas bases xerais de selección do persoal

Diego Fernández, concelleiro de Persoal, e María Barral, alcaldesa

O Concello de Betanzos contaba cunhas bases xerais de contratación de persoal, aprobadas en 2013 tras unha agre polémica sobre os modos de contratar persoal do goberno socialista. O lío viña de lonxe, pois desde o inicio daquel mandato en que Ramón García recuperara o bastón de mando para o PSOE, a forma en que xestionaba persoal o socialista Diego Fernández viuse cuestionada por irregularidades. De nada valeu o lío nin as bases, practicamente inéditas, que acabaron por así dicilo nunha gaveta do arquivo municipal para ser usadas, se acaso, para algún estudo no futuro.

Así as cousas, e tras lograr forzar ao goberno Barral a corrixir a convocatoria dunha praza no Conservatorio, a CIG solicita que se negocien unhas bases xerais de selección do persoal , “ante os continuos despropósitos nas bases das convocatorias” explican. Piden para iso que se convoque unha mesa de negociación xa que as bases do 2013 son tan só “para a selección do persoal laboral temporal para a cobertura de postos de traballo no Concello de Betanzos, mediante listaxes de substitución” e as aprobadas pola alcaldesa en 2019 “son exclusivamente para a selección de persoal mediante listaxes de substitución, e, por tanto, non son as bases xerais que se utilizaron como base para as bases específicas desta convocatoria mencionada”.

Advirten tanto a María Barral como ao seu edil de Persoal, Diego Fernández, por medio dun escrito que “as normas que fixen os criterios xerais en materia de acceso ao emprego público son obxecto de negociación na Mesa Xeral de Negociación de cada Administración”.