A betanceira Sara Fraga leva o Parque do Pasatempo a Pontevedra

Sara Fraga nun intre da exposición

Dentro do marco do Congreso sobre Patrimonio Cultural que está a organizar a Asociación de Amigos do Museo de Pontevedra xunto con outras institucións, a historiadora Sara Fraga presentou unha investigación sobre o Parque do Pasatempo centrada no devagar da historia da horta de don Juan.

Este encontro ten por referencia, alén do estudo do patrimonio, a súa vinculación co poder político, casuística da que disertou tamén o antigo director do Museo de Pontevedra na primeira sesión do congreso, presentando a conferencia “O Museo Provincial de Pontevedra no século XXI (Ou cando a algúns políticos lles da por xogar a museólogos)”

Facendo un percorrido polas diferentes vivencias que padeceu este lugar, a historiadora betanceira pon de relevo a importancia do patrimonio na nosa identidade colectiva e na relevancia que este recurso ten para a vila betanceira.

Na súa investigación aborda tamén a restauración feita a finais do pasado século, comparando as accións levadas a cabo polo goberno municipal brigantino e as recomendacións que ao respecto aportan documentos como a Carta de Florencia.

A autora, que ven de publicar tamén un traballo na revista Casa dos Espellos no que compara o xardín enciclopédico co Parco Museo Jalari de Italia, continua cas accións de divulgación desenvolvidas ao redor da Asociación de Amigas do Parque do Pasatempo.