A ANPA cuestiona o secretismo do PSOE no proceso para darlle as extraescolares a outra asociación

Manifestación da ANPA pola segregación do aulario

A ANPA Brigantium reaccionou por medio dun extenso comunicado na rede social facebook ao anuncio do goberno local outorgando a organización das actividades extraescolares a unha entidade de nova creación, cuxo nome o PSOE non fixo público.

Segundo a asociación de nais e pais, “o pasado 27 de xuño, o representante do Concello no Consello Escolar, o concelleiro Andrés Hermida, comunicou neste órgano colexiado a información” de que unha nova asociación correría coa organización das actividades extraescolares e recibiría os fondos municipais que o pleno da Corporación decidiu dar por este cometido á ANPA do CEIP Vales Villamarín.

“Este foi o momento no que esta ANPA coñeceu a existencia dunha asociación deportiva e cultural que xestionará as actividades extraescolares o vindeiro curso e das negociacións da Concellería de Educación coa dita asociación” denuncia a entidade, facendo ver o malestar coas manobras que nas últimas semanas desenvolveu o goberno de María Barral.

“Se ben é certo que o goberno municipal anunciou na prensa que buscaría a fórmula para garantir a continuidade das extraescolares, tamén o é que a ANPA Brigantium compartiu co concelleiro e coa alcaldesa as dificultades que se viñan desenvolvendo para manter nas mans desta asociación este servizo de conciliación” explican. Engaden que unha destas razóns, entre as de maior peso, “era a escasa participación das familias na súa xestión, ademais doutras cuestións relacionadas coa responsabilidade que supón para as poucas persoas que forman parte desta xunta directiva”.

Por este motivo, amosan a sorpresa por que, de súpeto e co patrocinio do goberno local, apareza unha nova entidade e tanta vontade de participar na xestión das actividades extraescolares, algo inédito ata a data. “Queremos desexarlles moita sorte na súa xestión” engaden lacónicos.

O goberno local non se dirixiu á ANPA

O PSOE celebrando o resultado. En primeira fila o actual goberno. Foto do PSOE

Desde a ANPA Brigantium lamentan que “nin o Concello, despois de meses agardando resposta sobre as posibilidades para a xestión deste servizo, nin as mesmas familias integrantes, tivesen a ben comunicarse directamente con nós”.

“Supoñemos por esta forma de proceder que as ditas familias non participaron das nosas preocupacións, non compartiron asembleas coas persoas asociadas na ANPA Brigantium, nin son coñecedoras das loitas e logros acadados ao longo dos anos e dos que seguro se beneficiaron” ironizan.

Neste sentido, reprochan, ao goberno do PSOE, “que non teñan nin unha palabra de agradecemento en público para esta ANPA en relación aos esforzos realizados durante anos por manter as actividades de conciliación para tantas familias da nosa comunidade”.

“Lamentamos tamén que non recoñezan publicamente a nosa implicación constante na busca de solucións para ofertar un servizo responsable e adecuado” abundan. “Lamentamos esa falta de comprensión pública, da mesma forma que o manifestaron en privado, o que nos fai dubidar da súa credibilidade” explican. “E, por suposto, lamentamos que de novo a responsabilidade dun servizo tan necesario para a conciliación familiar, recaia nun grupo de nais e pais” zanxan.

Recordan a fin de outra asociación co mesmo cometido no pasado

Engade a ANPA que é coñecedora de que en moitos casos as familias teñen presente “o noso esforzo na xestión dunhas actividades que permitiron a conciliación de moitas familias, asumindo como propia a responsabilidade da administración, así como a nosa pelexa naquel intento hai anos de construción dunha gasolineira fronte ao Vales, na reivindicación dun novo centro de infantil, ou do patio cuberto do mesmo edificio, que a punto está de construírse, por mencionar algúns exemplos”.

“Sentimos esa desconexión, dada a nosa experiencia e o feito de que esta ANPA xa viviu a desaparición da Asociación Deportiva e Cultural Vales Villamarín, que até o 2011 xestionou as actividades extraescolares, mantendo na actualidade unha relación excelente con varias das persoas que compuxeron a súa xunta directiva, coas que compartimos preocupacións e inquedanzas” recordan.