A ANPA advirte que deixará de asumir a organización das actividades extraescolares e pide ao Concello que as asuma

Imaxe do CEIP Vales Villamarín

Imaxe do CEIP Vales Villamarín

Unanimidade engañosa no primeiro punto de debate do pleno que a Corporación municipal celebrou onte, no que a ANPA Brigantium, do CEIP Vales Villamarín, demandaba ao Concello que asuma a organización das actividades extraescolares. Gabándose dun servizo creado pola propia asociación e que permite, entre outras cousas, manter a xornada intensiva de mañá, o voceiro da entidade advertiu que o colectivo non pode seguir soportando a organización e xestión deste servizo e demandou ao goberno local que o asuma. A falta de tempo, as responsabilidades e a imposibilidade de facer un cadro de tarifas máis xusto en función da renda foron algúns dos motivos esgrimidos polo colectivo para pedir ao consistorio que dea o servizo. “Non nos corresponde”, advertiu, emprestar este servizo clave para a conciliación da vida laboral e familiar.

Todos os grupos coincidiron na necesidade de que o Concello asuma este servizo ao igual que xa asumiu o comedor escolar. Mesmo advertiron que en decembro de 2013, nunha iniciativa idéntica presentada polo BNG, o pleno xa acordara de forma unánime que o Concello asumise este servizo. Nesa grabación pode oírse como o concelleiro de Educación e o alcalde recriminan ao voceiro nacionalista que dubide da inmediatez con que anuncian a posta en marcha dese servizo. Case tres anos despois, onte repetiuse ese debate, co mesmo resultado e alusións ao de 2013.

A edil de educación, a socialista María Barral, anunciou o voto favorable do seu partido mais empezou a repasar reformas lexislativas e informes de técnicos municipais e da Xunta como trabas para poñer en marcha as actividades extraescolares desde o Concello, algo ao que se estaba comprometendo ao votar favorablemente e ao que tamén, infructuosamente, se comprometera en 2013. Indicou que era vontade inequívoca do seu grupo e que xa levaban tempo con “conversas” neste sentido.

O resto dos grupos indicaron que a cuestión dependía simplemente de “vontade” do goberno local. CxG, BNG e BN-S coincidiron en que a obriga de dar estas actividades era da Xunta, mais que se o goberno galego refusa cumprir co que lle é propio, debía ser o Concello e non a ANPA quen o fixer. O PP cargou contra o goberno local por manter a mesma situación que hai tres anos, co seu portavoz, José Ángel Rodríguez, insistindo no compromiso da Xunta co ensino por ter construído o aulario.

CxG advertiu de que os informes no Concello de Betanzos sempre din o que o goberno precisa, o que lle valeu ao edil Alberte Muíño unha reprimenda do rexedor, mentres o voceiro de BN-S, Hipólito Pérez, facía recordatorio dunha súa moción por un plan estratéxico de deportes. O seu homólogo no BNG, Henrique del Río, cuestionaba a suposta vontade do goberno local para asumir as actividades extraescolares ao desvelar que no proxecto de orzamentos do PSOE non figura unha partida específica para que o Concello asuma este servizo nin se modifica a contía do convenio coa ANPA co cal o Concello financia boa parte das actividades extraescolares.