A andaina solidaria recada case 25 000 euros para investigación

Un intre da andaina. Imaxe do Facebook do Concello

Preto de tres mil persoas participaron na andaina e na paella solidaria convocadas o pasado sábado para recadar fondos para unha investigación clínica do meduloblastoma, que afecta a un rapaz de Betanzos.

Desde as 11 da mañá do sábado o Campo estivo abarrotado de persoas que se sumaron á iniciativa que demandaba máis fondos públicos para investigación e recadaron un total de 24 864 euros para a proba clínica que este menor precisa para avanzar no seu tratamento.

Colexios, clubes deportivos e colectivos sociais e culturais de Betanzos sumáronse a esta marcha que percorreu o centro da cidade co nome de Noel no dorsal. Ao termo da camiñada, de novo na praza, os organizadores entregaron ao menor e á súa familia un cheque coa recadación, que se entregarán integramente á Fundación Cris e que se sumará aos máis de 121 000 euros reunidos durante as últimas semanas.