O Bloque, desde a Deputación, deixa a García sen excusas polas contratacións deficientes do Concello

Ferreira e Sanmartín no momento de presentar o informe

É unha tónica habitual que Ramón García, alcalde de Betanzos, aluda aos pregos de contratación da Deputación cando unha obra se lle torce. O goberno local de Betanzos adxudica as súas obras atendendo simplemente aos prezos das ofertas, escollendo o postor que poxe máis baixo, e sacrifica outras compoñentes que garantirían unha mellor obra, como melloras, condicións técnicas, solucións alternativas e similares. Asegura que dá máis traballo contemplar máis cousas que o prezo aos servizos técnicos municipais e escorre a súa responsabilidade asegurando que son os pregos de contratos da Deputación- obrigatorios para as obras dos plans provinciais, voluntarios no resto de obras do Concello- quen obrigan a actuar así.

O BNG ven sendo moi crítico con contratar só as obras atendendo ao prezo. Os nacionalistas denuncian que demoras inexplicables como as da aínda hoxe sen rematar zona de descanso das rúas Cruz Verde e Doutor Fléming- unha simple praza con dous árbores e unha pérgola- están detrás desta escolla voluntaria do goberno do PSOE. E acaban de deixalo sen excusas desde a propia Deputación.

O goberno provincial acaba de presentar uns novos pregos que limitan este proceder e, ademais, buscan incluír como criterios transversais a introdución de criterios sociais, a simplificación da documentación, o control da calidade do emprego, a contratación de persoas desempregadas ou a presenza de mulleres no cadro de persoal das empresas. Os pregos foron a pleno o pasado venres despois dun proceso de encontros con asociacións sindicais e empresariais por parte do deputado de Contratación, Xesús Soto.

O deputado de Contratación e Patrimonio e concelleiro en San Sadurniño polo BNG Xesús Soto, destaca que os novos pregos “incrementan a relevancia dos criterios sociais e contribuirán a que as empresas ofrezan emprego de calidade, comprometéndoas a que cumpran coas súas obrigas laborais e de seguridade social en aspectos claves como o cumprimento dos convenios, os pagos de salarios e demais obrigas coas persoas traballadoras”.

En canto á xestión dos propios contratos, as novas condicións da Deputación da Coruña apostan pola simplificación da documentación que se ha presentar coa ampliación de posibilidades en canto aos medios para acreditar a solvencia económica, financeira e técnica co obxectivo de facilitar o acceso ás licitacións das pequenas e medianas empresas. “Coa simplificación procedemental tentamos paliar en parte as dificultades que para as peme supón cumprir coas tramitacións unicamente electrónicas, de obrigado cumprimento na nova lei “, sinala Xesús Soto.

A pesar destas facilidades na simplificación da tramitación, os novos pregos inclúen novas medidas de control e esixencias que se dirixirán a combater os valores anormais ou desproporcionados das ofertas ou a introdución de penalidades administrativas non só pola demora no prazo de execución senón tamén polo incumprimento de condicións de execución e de subcontratación. Controlarase, desta maneira, con maior intensidade as relacións entre contratistas e subcontratistas.

En canto aos criterios de adxudicación, estes pregos-tipo introducen unha importante flexibilidade para que os concellos fagan uso da súa autonomía á hora de priorizar uns criterios de valoración sobre outros, o que o deputado xustifica defendendo a dita autonomía ” que deben e van ter as administracións locais á hora de marcar os seus obxectivos tamén no proceso de contratación en función do tipo de obras que se han executar”.

Xesús Soto quixo poñer en valor ” a dificultade de elaborar uns pregos-tipo que se adapten ás múltiples modificacións da nova Lei de contratos e que ao mesmo tempo sexan capaces de dar resposta aos intereses de todos os colectivos presentes na contratación pública, ou o que é o mesmo, aos intereses xerais da economía provincial nesta materia”. Resaltou que foron elaborados cos técnicos da Deputación logo de recoller suxestións entre organizacións sociais, sindicais, patronais, concellos e partidos, entre outros colectivos.

Criterios sociais e ambientais, unha demanda que o BNG tamén levou a pleno

Nos novos pregos contémplase o carácter transversal dos criterios sociais e ambientais incluíndo criterios de valoración como a porcentaxe de persoal fixo ou a porcentaxe de mulleres en relación co cadro global da empresa ademais de se ter en conta tamén a existencia de Plan de igualdade. É un criterio que o BNG demandou en varias ocasións nos últimos anos no pleno do Concello e en numerosos comunicados de prensa.

Todo o máis que admitiu neste senso o goberno local foi a redación duns criterios para incluír criterios sociais como unha orientación na política contractual do Concello. A proposta, pechada, foi presentada por Betanzos Novo e o goberno local aprobouna dentro deses acordos que PSOE e BN manteñen en segredo de cara a aprobar as contas, pero o goberno local recoñeceu que nunca a aplicara, converténdoa en papel mollado a pesar da publicidade que no seu día ambas formacións lle deron.

Os novos pregos elaborados pola área de contratación da Deputación, que dirixe o BNG, eleva a norma de obrigado cumprimento en todas as obras e servizos que financia o ente provincial seguir criterios de contatación social e ambientalmente responsable.