Autor/a: Manuel Suárez Suárez

Ribadeo indiano

Manuel Suárez Suárez

Os que leven anos sen ir a Ribadeo quedarán sorprendidos coas melloras neste concello da beira do Eo. Hai moitas casas restauradas e rúas e prazas ben coidadas. A actividade comercial mantén bo ritmo e as fins de semana abondan os viciños astures que veñen dar unha volta pola vila. Hai xa cinco anos que durante tres días celebran a festa do “Ribadeo Indiano” que cumpre co obxectivo de recuperar o pasado da emigración americana ao tempo que axuda a manter a identidade local. Os ribadenses son agradecidos cos devanceiros que suaron forte no outro lado do mar sen esquecer que as raíces estaban nas parroquias de Arante, Cedofeita, Couxela, Covelas, Devesa, Ove, Ribadeo (Santa María), Rinlo, Santalla, Piñeira, Vilaframil e Vilaselán.

Que os ribadenses apoian a celebración é un feito evidente. Semella que os arredores do porto e a praza dos irmáns Moreno sexa o malecón habaneiro ou os rosedais porteños de Palermo ou a montevideana rúa Sarandí dos comezos do século pasado. Infinidade de ribadenses locen con elegancia a roupa coa que no verán os americanos alumeaban enriba dos escuros e habituais grises. O alcalde ía de punta en branco e tamén os moi cordiais membros do equipo de goberno. Os actos culturais e as actuacións reciben o aplauso de milleiros de asistentes. Está moi ben organizado. Hai actividades en múltiples espazos que dan vida aos comercios locais.

Nesta edición estivo en Ribadeo un convidado do Uruguai que actou de fronte ao busto de “El Viejo Pancho” que é igual ao instalado na capital uruguaia a pouca distancia da sede consular española. O escultor foi o famoso Xosé Luís Zorrilla de San Martín (o pai da actriz China Zorrilla) que é moi coñecido polo seu homenaxe en bronce ao Gaucho. Enriba do escenario e só cunha guitarra estivo Diego Berardi. Foi moi emocionante a súa actuación. Diego é, ademais de gran figura do carnaval montevideana, tamén algo galego xa que o seu fillo maior naceu na Coruña. Fixo unha didáctica explicación sobre a  música do carnaval máis longo do mundo (corenta días) con cancións que fixeron bailar a ribadenses e uruguaios alí presentes. Rematou cantando “A Rianxeira” e “Apaga o candil” a ritmo de murga (comparsa que se inspira nas agrupacións gaditanas) co coro de centos de persoas que o aplaudimos forte. Grazas, prezado Diego.

Coido que despois desta edición haberá máis ribadenses siareiros da República Oriental do Uruguai que van querer achegarse a lareira que o seu paisano Xosé Alonso acendeu nun lugar chamado Tala. O concello de Ribadeo viaxa polo mundo adiante na voz do inmortal Carlos Gardel que gravou catro poemas de Alonso. Os que desexen máis información poden achegarse polo Consulado Xeral do Uruguai en Santiago de Compostela. Por mor dun inoportuno accidente non puido estar en Ribadeo a señora Arcaus Sánchez, a   titular da legación, que empurra forte para promocionar a riqueza humana e natural da terra onde naceu o egrexio Artigas. Os que estiveron foron Fernando (o canciller) e Francisco (xefe administrativo) que son dous piares de calidad para difundir os valores éticos da acolledora Banda Oriental.

Os que o desexen, antes de vir a Santiago, poden falar co moi culto amigo Lalo que sabe moito de Montevideo e dos emigrantes. E agora unha recomendación gastronómica para os amantes da boa carne na grella. En “La Quinta” tedes un asado no seu punto e co mellor chimichurri de Galicia xa que é preparado pola man montevideana da señora Martínez Porto. Viva Ribadeo!  ¡VIVA EL VIEJO PANCHO!


Etiquetas: ,