Autor/a: Manuel Suárez Suárez

O presidente da República Oriental do Uruguai

Manuel Suárez Suárez

O vindeiro ano a miña primeira colaboración na prensa cumprirá 40 anos. Foi no “El Diario Español” de Montevideo sobre a constitución española de 1978. Despois de centos de notas en diferentes medios sinto que cada vez hai menos xente que queira informarse sobre a moi nobre e xenerosa República Oriental do Uruguai. As pegadas de Galicia poden ser seguidas desde 1527 ata este mesmo 2018. Estou a falar de case cinco séculos nos que os fillos do paraíso atlántico achegan o seu suor para encher de solidariedade os vieiros dunha afastada terra do sur americano.

Vou facer un breve resumo de fitos nos que Galicia deixa o seu selo de identidade. O primeiro é falar do mariño Diego García quen nunha carta de 1527 nomea aos nativos coma “charruases”. O tal Diego chámalle “charrúas” xa que o seu aspecto faille lembrar as máscaras do entroido de Allariz. En 1740 temos ao primeiro galego que casa en Montevideo, o mindoniense Alonso Puga Miranda, sarxento do Reximento de Cantabria. A primeira botica da capital uruguaia foi aberta en 1740 por Gabriel Piedracueva Varela, nativo do concello de Miño. O emigrante de Paramos (O Covelo) Francisco Rodríguez Alonso é o dono dunha “pulpería” en Sarandí del Yi (Durazno). En 1782 ergue unha capela na súa propiedade que hoxe é monumento histórico nacional.

Arredor do 1800 os irmáns Xosé e Luís Fernández Bermella de Maside-Ourense levan a Montevideo dous cruceiros de pedra que encargaron a canteiros da súa parroquia de Santa María de Amarante. Son os monumentos máis antigos do Uruguai. Un deles está no cemiterio Central e o outro na igrexa do Cordón.

É necesario ir debullando para logo poder xustificar o meu laio pola escasa atención que  Xunta e Deputacións lle prestan a un país onde aínda a nosa lareira está acesa. En 1811 ten lugar o chamado “Grito de Asencio” que marca o comezo do proceso independentista. O promotor do levantamento foi o alférez Ramón Fernández Ximénez, fillo de Dionisio F. (Arcade-Soutomaior). O primeiro poeta que lle canta a patria uruguaia foi Bartolomé Hidalgo que se considera o fundador da lírica gauchesca no Río da Prata. É moi curioso que nos seus famosos “cielitos” de 1811-1815 use a nosa lingua nun verso ao escribir: echando al hombro un fungeiro. É o primeiro que fai referencia a gaita e aso galegos coma sinónimo de godos (españois). O dous secretarios do heroe nacional don Xosé Artigas son Miguel Barreiro (ata 1815) e Xosé Monterroso (1815-1820), ámbolos dous descendentes de familias cambadesas.

Imos agora a falar dos presidentes uruguaios de ascendencia galega. En 1838 foi presidente interino Gabriel Antonio Pereira e logo, entre 1856-1860, o sexto presidente. Pedro José Varela foi interino en 1868 e logo o décimo presidente en 1875. Lorenzo Latorre foi dictador entre 1875-79 e logo presidente constitucional entre 1879-1880. Francisco Antonino Vidal estudou pediatría en París e foi presidente interino e logo o décimo segundo presidente constitucional. Máximo Santos foi o décimo terceiro presidente. Máximo Tajes foi o décimo quinto. Julio Herrera y Obes Martínez foi o décimo sexto. Claudio Williman González foi o vixésimo. Alfredo Baldomir foi o vixésimo séptimo. Óscar Gestido Pose foi o trixésimo segundo. Tabaré Vázquez Rosas foi o trixésimo noveno na súa primeira presidencia e agora mesmo é o cuadraxésimo primeiro. Don Tabaré é neto por liña paterna de Xosé Vázquez e Dolores Edreira. O avó era da parroquia ourensá da Purísima Concepción de Vilar de Astrés e a avoa da parroquia betanceira de Santiago de Requián.

Fixen unha reducida síntese das obras dos centos de albaneis emigrantes que sementaron alicerces no Uruguai. Os interesados en maior información poden pedir a Montevideo a  documentada publicación “SOBRE GALLEGOS Y ORIENTALES: Familias y Apellidos de Dos Orillas” da autoría de José Monterroso Devesa. O meu único interese é que a Xunta de Galicia promova máis iniciativas culturais que sexan unha homenaxe aos galegos que axudaron na fundación e mantemento dunha república que camiña con paso firme polo carreiro do progreso. Non entendo que ningún parlamentario ou membro do goberno presente á consideración do consello da Xunta a proposta de distinción de don Tabaré (ademais de presidente é recoñecido médico óncologo) como MEDALLA DE OURO de Galicia. Non debemos esquecer que foi médico na Casa de Galicia –-a mutualista galega máis grande do mundoo cal o uniu a compañeiros descendentes da emigración que tamén suaron con fidelidade ao país que acolleu aos seus loitadores avós. Don Tabaré remata o seu mandato o primeiro de marzo do 2020. Coido que sería un peche moi emotivo para a súa ética traxectoria que Galicia o distinga como se merece.

 

                                                                                                                        Manuel Suárez Suárez


Etiquetas: ,