Autor/a: Editorial

O Pasatempo: crónica dunha morte anunciada?

O novo desprendemento. Imaxe do Concello

Os sitios culturais e naturais forman a contorna do que os seres humanos dependen sicolóxica, relixiosa, educacional e economicamente. A súa destrución, e ata o seu deterioro, será prexudicial para a supervivencia da nosa identidade, o noso país e o noso planeta. Temos a responsabilidade de preservar estes sitios para as futuras xeracións. O que o Foro Xuvenil do Patrimonio Mundial tiña claro e plasmou no seu “Compromiso co Patrimonio Mundial” na súa xuntanza de Bergen ven sendo o misterio da santísima trinidade para o goberno local.

A relación do goberno local betanceiro co patrimonio histórico artístico da cidade é digna de estudo. Bandazos e indecisións son os chanzos sobre os que o PSOE brigantino ven construíndo- ou destruíndo- a contemporaneidade dunha cidade histórica como Betanzos nas últimas tres décadas e media. Alternando fitos como a destrución da Casa Pita, dos hórreos da Galera o Barrio Xudeo e o Convento de Donas, con reclamacións como uns capiteis dun convento demolido hai séculos que chegaron a hoxe porque foron parar a un xardín particular, uns leóns de mármore vendidos legalmente polos seus propietarios ou expedicións a Madrid a ver a poxa doutros bustos de mármore vendidos hai décadas.

Feridas que sangran e non se suturan, sexa o ocaso provocado da Fábrica da Luz ou do Pasatempo. Un lugar onde, en lugar de saír repartindo culpas para todos como hoxe fai o PSOE betanceiro, debera ter claro que é o único responsable da súa propia historia e feitos e, en tanto que goberno local, propietario e responsable da situación que atravesa o parque enciclopédico.

En 2016 presentouse un proxecto de rehabilitación do Pasatempo. Un ano despois, o mesmo goberno que anunciaba o documento como un fito e inicio da recuperación do xardín histórico rebaixábao a estudo previo. En febreiro de 2017 caía un dos animais do Estanque da Gruta. O goberno local socialista anunciaba que era cousa de días a súa reposición e restáballe trascendencia e impacto. O animal segue, entre reixas, tirado no auditorio ano e medio despois.

O pasado ano chegou o investimento de 280 000 euros na pasarela que se cuestiona mesmo nese anteproxecto de rehabilitación pola carga que fai na estrutura do Pasatempo. O executivo ignora neste caso o contido do documento que encargou para seguir adiante coa obra que estes días, segundo denunciou o BNG, sacou a contratación tras ter o respaldo do PP, BN e BeC para tal gasto.

A última foi estes días. O goberno local remitiu un comunicado dando conta do derrubamendo do mural do Estanque do Retiro o pasado xoves pola tarde. Mais segundo a Asociación de Amigos do Pasatempo foi o día anterior á noitiña. Confirmáronllo operarios de Protección Civil, aseguran.

O problema de mentir deste xeito é que hai que ter boa memoria despois de facelo, como aseguraba o francés Cornielle. E que resulta inadmisible que un goberno nunha democracia avanzada recorra a estas tretas en lugar de rendir contas dos seus feitos ante a cidadanía. Dar só a parte boa dun balance entra dentro do normal. Mentir ata na data dun percance coma este non.


Etiquetas: , , ,