O Santo Domingo vence ao Rosalía e fai a ducia de victorias na tempada

Un lance nun partido do Santo Domingo como local. Foto do clube

Duodécima vitoria da tempada, cuarta consecutiva para o Santo Domingo Betanzos, que se impuxo con solvencia na tarde de onte ao Instituto Rosalía, asentándose na zona media-alta da clasificación, nun triplo empate no 4º posto con León e Carbajosa. O encontro correspondíase á 22ª xornada da Liga EBA (grupo AB) e desputouse no Carregal ante uns 300 afeccionados que alentaron ao equipo.

Para este partido, Diego Fernández contaba coas baixas de Fernando Vidal e Daniel Martín, ambos por lesión, ás que se unía a partir do minuto 6 Abdou Thiam, por problemas nas costas. Presenza moi importante en pista tanto do júnior Jorge Sanjurjo como do xogador do filial Juan Miramontes.

Inicio positivo para o Santo Domingo, que malia encaixar a primeira canastra do partido, atopaba na parella Pablo-Abdou ás súas referentes ofensivos, xerando boas situacións ofensivas (11-7 min 5). Íase o interior senegalés ao banco con dúas faltas e problemas físicos, á vez que o ataque local freábase, en gran parte polo desacerto no tiro e a boa defensa dos compostelanos, que recortaban diferenzas grazas a dous triplos na recta final do primeiro cuarto (16-13 min 10).

O segundo cuarto resultaría decisivo no devir do partido. O equipo local realizaba os seus mellores minutos, e cunha importantísima achega de todos os xogadores que saían desde o banquiño, comezaba a distanciarse no marcador, con triplo de Sanjurjo incluído (27-20 min 15). Tomaban a substitución anotador Rozas e Oliver, permitindo aos locais seguir aumentando a súa distancia, desde unha boa defensa e un gran xogo colectivo, con minutos de moi boa circulación de balón e logrando tiros liberados. Unha canastra de Mallo tras erro defensivo local, e un triplo errado polo Santo Domingo case sobre a bocina impedían que a diferenza aínda fose maior ao descanso (41-24 min 20).

Tralo tempo de descanso, os de Diego Fernández saían menos activos, aproveitando Rosalía para limar ligeramente diferenzas, nuns primeiros minutos de pouco acerto en ambas canastras (46-31 min 25). Encaraba mellor o Santo Domingo a recta final do terceiro cuarto, e con bos minutos de Osven, e de novo sumando todos os xogadores que entraban desde o banquiño, o Santo íase a máis de 20 puntos de vantaxe, baseando o seu éxito nunha gran defensa colectiva (55-34 min 30).

No último cuarto, os composteláns conseguían recortar distancias, grazas aos puntos de Patiño e a aproveitar o baixo acerto no tiro exterior do conxunto brigantino, inferior ao de partidos precedentes (58-43 min 35). No entanto, os betanceiros xestionaban ben os minutos finais, e con intercambio de canastras mantiñan en todo momento diferencias en torno aos quince puntos, para selar o 12º triunfo da tempada, que lle achega ao gran obxectivo da tempada (69-54 min 40).

Próxima xornada, complicada e ilusionante visita a Chantada

Con 12-10 de balance, e empatados no cuarto posto da clasificación con Baloncesto León e Aquimisa Carbajosa, o Santo enfrontarase a domicilio o vindeiro sábado ás 18:30 horas ao CB Chantada (15-7), terceiro clasificado, actualmente ocupando posto de fase de ascenso cunha vantaxe holgada. O Santo Domingo buscará un triunfo que lle achegue á permanencia, xa que farán falta polo menos 14 vitorias para certificala, e que á vez lle achegue aos equipos máis fortes da categoría, o que engade un plus de ilusión ao encontro.