O Santo Domingo vence ao Porriño e chega á final da Copa

Un lance nun partido do Santo Domingo como local. Foto do clube

Non por habitual nos últimos anos deixa de ser igualmente meritorio. O Santo Domingo volverá a desputar a final da Copa Galicia EBA tras impoñerse con autoridade, por 96 a 75, ao Porriño Basket Base.

O partido comezaba moi igualado, con Porriño xogando a un ritmo moi alto. Os erros defensivos dos locais permitían que os xogadores de Porriño recuperasen as vantaxes cada vez que os betanceiros conseguían adiantarse no marcador, chegando así cun axustado 44-44 ao final da primeira parte.

Tras o paso polos vestuarios a película foi outra e os xogadores do Santo Domingo saíron en tromba, conseguindo grandes parciais e canastras con facilidade. O equipo visitante baixou o ritmo de anotación e os brigantinos incrementárono, mellorando en defensa e a selección de tiros no campo contrario. Concluía así o partido co 96-75 final o cal dá o pase, outro ano máis, á final de Copa Galicia EBA.

A final será ante o CB Chantada, un equipo veterano na liga e que sempre pelexa polos postos de ascenso. Á dificultade do reto súmase que se disputará no feudo chantadino, o próximo sábado ás 19:00 horas.