O Santo Domingo vence ao Obradoiro e suma 14 victorias esta tempada

Un lance nun partido do Santo Domingo como local. Foto do clube

Decimocuarta vitoria da tempada para o Santo Domingo, que se impuxo ao Obradoiro Silleda por 81-75, situándose na zona media-alta da táboa, a falta dun mes de competición. O encontro correspondíase á 26ª xornada da Liga EBA (grupo AB). Para este partido, Diego Fernández contaba coas baixa de Fernando Vidal, recuperando, tras seis partidos de baixa por lesión a Dani Martín, que logo de recibir a alta médica esta semana disputaba uns minutos.

Arrincaba o encontro cun Santo Domingo  moi acertado desde o 6,75, atacando con solvencia a zona 2-3 suscitada polos visitantes, con triplos de Rodri por partida dobre, Will e Rozas. Os locais dominaban, pero os compostelanos mantíñanse grazas a accións dun contra un dos seus xogadores exteriores (16-10 min 5). Perdía consistencia o ataque local, aínda que se sostiña grazas ao dominio debaixo do taboleiro de Thiam, mentres as diferenzas acurtábanse aos poucos, ata terminar o cuarto con 4 para o Santo Domingo, tras intercambio de triplos de Cal e Oliver (23-19 min 10).

Eran mellores os de Junyent no segundo cuarto. Conseguían frear o ataque dos betanceiros, malia que estes buscaban recuperar a frescura dos minutos iniciais, ata equilibrar o marcador (30-30 min 15), e inclusive poñerse por diante cunha canastra de Villalobos (32-35 min 17). Parcial 7-0 para o Santo Domingo, iniciado cun novo triplo de Praza, e axuste defensivo dos locais que freaba o ataque visitante. Unha canastra de Rodrigo Gómez recortaba diferenzas a escasos segundos do descanso (39-37 min 20).

Tras o paso por vestiarios, chegaba o mellor cuarto dos xogadores de Diego Fernández. E iso que as sensacións eran negativas ao comezo, cun parcial 0-6 para os visitantes, con triplos de Cal e Gómez, e dúas polémicas faltas en ataque de Will e Marcos (39-43 min 22). O Santo Domingo, no entanto, saía coas ideas claras, cargar o xogo na pintura, e liderados polo trío Pereiro-Thiam-Rozas, forzaban faltas e atopaban canastras importantes que lles permitían recuperar a vantaxe, e con tres triplos consecutivos de Rodri Praza, selaban un parcial 18-2 min en apenas 3 minutos (57-45 min 25).

O parcial seguía en aumento, aproveitando o Santo Domingo unha dobre técnica consecutiva ao adestrador visitante, que protestaba unha falta sinalizada en contra, para alcanzar a máxima renda do partido ( 17), que finalmente quedaría nun punto menos ao final do terceiro acto (70-54 min 30). Co resultado a favor, o equipo betanceiro decaía no seu xogo, e o Obra, moi necesitado do triunfo, comezaba a apertar o marcador liderados pola súa base, Rafa García, sumando en accións de transición e dun contra un.

Unha antideportiva e posterior falta técnica a Osven Ledezma permitía ao conxunto visitante baixar a barreira dos dez puntos, que recuperaba o Santo con mate de Thiam (74-64 min 35). Cando parecía que o resultado estaba encarrilado, un novo arreón do Obradoiro, con triplos de Melini e García, apertaba o marcador, cun 74-71 a dous minutos do final. Con todo, o Santo Domingo tiraba de oficio, e sabía xestionar as posesións finais, para seguir sumando con Pereiro e Thiam, ata certificar unha nova vitoria para o cadro betanceiro, que lle leva á sexta posición (81-75 min 40).

Fin de semana de descanso antes do último mes de competición

Con esta vitoria, o Santo (14-12) sitúase no sexto posto, empatado co quinto, Aquimisa Carbajosa, e a unha vitoria do cuarto, Fundación Baloncesto León (15-11). Xixón (20-6) de forma matemática e Chantada (18-8). de forma virtual, estarán en postos de play-off, mentres Marín segue co seu record de vitorias (26-0). Por abaixo, seguen sumando Baloncesto Narón (12-14) e COB B (11-15), apertando a zona de descenso por arrastres, que podería afectar ao 10º e ao 11º clasificados.

En zona de descenso, continúa a liña ascendente do Básquet Coruña (10-16), e a caída do Rosalía de Castro (9-17). Tras unha semana de descanso, o Santo retomará a competición visitando ao colista, o Baloncesto Venta de Baños. O partido será o sábado 7, ás 20:15 horas.