O Santo Domingo vence ao Basquet Coruña e suma 17 victorias esta tempada

Un lance nun partido do Santo Domingo como local. Foto do clube

Nun intensísimo partido, o Santo Domingo sumou a súa 17ª vitoria da tempada ante o Básquet Coruña B en Riazor 2, tras disputar un dos encontros máis espectaculares da tempada, e no que ambos equipos mostraron un nivel de xogo excelente. Correspondíase coa 29ª xornada da Liga EBA (grupo AB). Para este partido, Diego Fernández contaba coas baixas de Fernando Vidal, Daniel Martín e Osven Ledezma.

O último derbi coruñés na liga EBA 2017-2018 resultou ser un dos partidos máis apaixonantes e de maior nivel de xogo de toda a tempada na categoría. Co Santo Domingo pelexando polo cuarto posto man a man con Fundación Baloncesto León, e cun Básquet Coruña, que aínda que chegaba a este partido descendido, en pleno proceso de crecemento e tras realizar unha gran 2ª volta, víanse na pista a dous equipos con ganas de agradar e de gañar este duelo de rivalidade.

Arrincaban moi acertados os coruñeses, con tres triplos e sen errar tiros (11-2 min 2), mentres que o Santo Domingo non se descompoñía e aos poucos comezaba a entrar en ritmo de anotación grazas a boas defensas e contraataques. Non decaía o acerto ofensivo dos locais (19-10 min 5), pero os betanceiros axustaban mellor o seu defensa ante os tiradores laranxas, e cun bo xogo colectivo, liderados pola trío Pereiro-Rozas-Thiam, recortaban distancias ata situarse a só tres puntos, e iso malia os sete triplos que convertían os de Buendía (29-26 min 10).

O Básquet Coruña mantiña o seu acerto desde o perímetro nos minutos iniciais do segundo acto, tomando Gómez a substitución na ofensiva de Ferreiro e Abia, ante un Santo Domingo que non permitía que a escapada local fose irreversible (41-34 min 15). Boas noticias para o conxunto betanceiro, que aínda que encaixaba nove triplos en quince minutos, seguía en partido grazas ao acerto de Rodrigo Praza, que sumaba dez puntos consecutivos para os visitantes. Crecían os brigantinos en defensa a medida que avanzaba o cuarto, que se poñían por diante por primeira vez tras triplo de Praza (44-46 min 18), e capitaneados por Pereiro, con triplo espectacular incluído sobre a bocina, íanse ao descanso cunha renda de 5 (48-53 min 20).

Tras o paso por vestuario, seguían dominando o partido os de Diego Fernández, cun gran xogo coral tanto en defensa como en ataque, ritmo alto e acerto desde o 6,75. Con dous triplos consecutivos de Rodri Praza e Pablo Fernández, o Santo Domingo alcanzaba a súa máxima vantaxe (51-65 min 23). Chegaba entón a reacción local, da man dun acertadísimo Guzmán Gómez, que con tres triplos consecutivos apertaba o marcador. O Santo se rehacía da man de Thiam, pero unha canastra de Russel deixaba a diferenza en catro puntos ao final do terceiro acto (68-72 min 30).

Nun último parcial moi equilibrado, e no que o vendaval de triplos laranxas continuaba, con tres consecutivos de Ferreiro, Pizarro e Gómez. Respondía o Santo Domingo da man de Pereiro, manténdose por diante (79-82 min 35). Os betanceiros, máis espesos en ataque nos minutos finais, forzaban numerosas faltas e mantíñanse en partido grazas ao acerto desde o tiro libre, mentres o Básquet Coruña conseguía poñerse por diante nos instantes finais (89-88 min 39). Dous libres de Pablo e un de Pizarro deixaban o marcador en táboas, ata que unha canastra tras roubo de Rodri poñía ao Santo DOmingo por diante a falta de 30 segundos.

Ferreiro empataba cunha bandexa a 7 segundos do final, e o conxunto betanceiro, tras tempo morto, dispoñía de ata dous tiros, palmeo incluído de Thiam, para gañar, pero estes tiros saíanse, abocando o partido á prórroga, posto que o segundo palmeo de Thiam xa era claramente fose de tempo (92-92 min 40). No tempo extra, de novo aparecía o acerto desde o perímetro local, e tras un 2 1 de Abou, un triplo de Pizarro poñía ao Básquet por diante (97-95 min 42).

Cinco puntos consecutivos de Thiam, intercalados por un triplo de Ferreiro, poñían o marcador en táboas (100-100 min 44), ata que chegaba a xogada decisiva do partido. Roubo de Abdou interceptando un pase de Ferreiro a 8 segundos, contraataque conducido por Pablo que terminaba en asistencia a Oliver Dvojakovski. A á-pívot macedonio lanzaba un triplo que entraría xusto sobre a bocina, supoñendo a vitoria para o Santo, que se levaba un encontro digno dunha categoría superior (100-103 min 45).

Última xornada no Carregal

O Santo Domingo (17-12) despedirá esta tempada no Carregal, recibindo a visita do subcampeón do grupo, o Xixón Basket (22-7). As contas para o Santo son claras. Poderá acabar a liga no 4º posto se vence e Fundación Baloncesto León (17-12) sucumbe na súa pista ante o Aquimisa Carbajosa (15-14). O encontro, que será unha festa para toda a gran familia do Santo, disputarase no Municipal do Carregal o sábado 28, ás 19:00 horas.