O Santo Domingo suma o decimosexto triunfo ante Aquimisa

Un lance nun partido do Santo Domingo como local. Foto do clube

O Santo Domingo impúzose ao Aquimisa na 28ª xornada da Liga EBA (grupo AB), nun encontro para o que Diego Fernández contaba coas baixas de Fernando Vidal, Daniel Martín, Osven Ledezma e Abdou Thiam e que resultou nunha loita polo cuarto posto entre o Santo Domingo e o Aquimisa, que empezaban o partido empatados a quince triunfos, logo de selar ambos a permanencia na xornada anterior.

Primeiros minutos de desacerto ofensivo en ambos aros, poucas faltas persoais, e baixas porcentaxes de tiro (4-4 min 5), ata que a medida que avanzaba o primeiro parcial, o Santo Domingo atopaba acerto desde o 6,75 para tomar unha pequena vantaxe no electrónico, con senllos triplos de Will e Pablo, este último sobre a bocina (16-12 min 10).

Arrincaba o segundo parcial con outros dous triplos dos betanceiros, nesta ocasión anotados por Juan e Amir, dando unha máxima ao conxunto betanceiro de sete puntos, que minguaría co paso dos minutos (22-18 min 15). As perdas de balón, e de novo un bajón en porcentaxes de tiro eran aproveitados polos de Anxo Codón para anotar con facilidade ao contraataque, sumando un parcial 0-10 que lle daba a máxima vantaxe do partido (23-30 min 18). Ao descanso, seis puntos de renda para os salmantinos, que aumentaran o seu ritmo de xogo aproveitando as imprecisiones locais (26-32 min 20).

Tralo paso por vestuarios, ambos conxuntos mostraban a súa mellor versión ofensiva, tras unha primeira parte moi irregular. O Aquimisa, liderado pola súa parella de interiores Peters e Rac alcanzaba unha renda de 8, mentres que o Santo Domingo mesturaba xogo na pintura con acerto desde o 6,75, con triplos de Rozas e Amir (36-44 min 24). Os de Diego Fernández crecían desde a defensa, mantiñan o acerto desde o triplo, e liderados na ofensiva por Rozas e Pereiro conseguían un contundente parcial 14-0 que lles poñía por diante no marcador, nuns minutos de gran xogo colectivo de todo o equipo (50-44 min 28).

Reaccionaba o conxunto visitante, que aproveitaba o desgastar do Santo Domingo para empatar o marcador, e deixar todo por decidir para o último periodo (52-52 min 30). Chegaba agora o momento para Rodrigo Praza, que con tres triplos capitaneaba un novo parcial para os betanceiros (15-2), logo dun cuarto case perfecto a nivel defensivo, no que o Aquimisa, coa baixa por lesión desde o final do terceiro cuarto de Gabriel Román, non atopaba opcións cómodas de tiro, errando tamén no lanzamento exterior.

O Santo Domingo marcaba un ritmo alto de xogo, aproveitando os numerosos roubos de balón, e deixaba o encontro visto para sentenza tras un triplo de Rodrigo Praza a un minuto do final (67-54 min 39). Intentaría o equipo betanceiro gañar o basketaverage particular (-14 en Carbajosa da Sagrada), pero dous tiros libres errados, e un triplo que se saía case sobre a bocina tras gran xogada de Pablo, deixaba ao Santo en 11, tras unha gran segunda parte de todo o equipo, superando as numerosas baixas coas que acudía ao partido (69-58 min 40).

Clasificación

Con Marín Peixe Galego (28-0) ascendido, e Xixón Basket e CB Chantada en postos de play-off, a loita pola parte alta céntrase en lograr o 4º posto, pelexa na empatan agora mesmo o Fundación Baloncesto León e o Santo Domingo Betanzos. Pola parte de abaixo, certifícase o descenso do Básquet Coruña que xa non poderá evitar os postos de descenso directo (do 12º ao 16º). Mala noticia para o baloncesto coruñés, que perde a dous dos seus tres representantes na categoría.