O Santo Domingo remata a tempada cun 5º posto, o seu mellor posto na liga EBA

Un lance nun partido do Santo Domingo como local. Foto do clube

O Santo Domingo xogouse o 4º posto, ante o xa subcampeón de grupo, Gijón Basket, que se presentaba no Carregal con todos os seus efectivos tras recuperar a James Pegues, en pleno proceso de preparación para a final a 4 que disputarán en Gijón este fin de semana.

O Santo dominaba o partido desde os compases iniciais, liderados pola parella de interiores Rozas-Valcárcel, que anotaban os primeiros catorce puntos do equipo. Os nosos mostrábanse moi sólidos en defensa, e cun xogo colectivo en ataque, facendo dano desde a pintura, e cargando de faltas aos interiores asturianos (12-6 min 5).

Tomaban a substitución anotador Pablo, Thiam e Oliver, para permitir aos betanceiros escaparse no marcador, e alcanzar unha renda que saberían gestionar ao longo do partido, ante un Carregal cheo, que gozaba do xogo local (24-10 min 10).

Reacción dos xogadores de Fran Sánchez no inicio do segundo cuarto. Catro triplos case consecutivos metíanlles en partido, con protagonismo para Rubiera, autor de dous deles, ante un Santo cun xogo máis lento, pero que se sostiña por diante grazas aos bos minutos de Will Pereiro (33-25 min 15).

Volvían tomar unha vantaxe importante o Santo, con puntos de Thiam e Rozas, ata que chegaba a xogada desgraciada do partido. Tras un mate de Will Pereiro, o beirado betanceiro caía mal, e producíase unha lesión de gravidade no xeonllo esquerdo. Pendentes de evolución e de probas definitivas, é probable que Will teña que estar varios meses fóra das pistas de baloncesto.

Golpe para o Santo, que acabaría o cuarto cunha vantaxe de 15, pero coa cabeza fóra de partido (48-33 min 20).

Tralo descanso, a desconexión local era evidente, e o Gijón Basket aproveitaba isto para endosar un parcial 0-8 que apertaba o marcador (48-41 min 22).

Con todo, unha antideportiva a Wineglass, terminaba en descalificante por protestas ao árbitro, perdendo o equipo asturiano ao seu referente interior de forma prematura. O conxunto de Diego Fernández aproveitaba este momento para sumar os seus primeiros puntos do cuarto, e aos poucos rehacerse mentalmente (57-47 min 25).

Amir Valcárcel, con dous triplos, abría o campo para os nosos, e o seu acerto exterior víase acompañado polo dos exteriores Praza e Gómez, para poñer ao Santo con doce de vantaxe a falta de 10 minutos (69-57 min 30).

O cuarto final arrincaba con acerto desde o 6,75 en ambos aros. Recital de triplos de ida e volta, de novo con bos minutos de Rodri e Roque, aos que se unía Rozas, mentres que Diego Sánchez, con oito puntos consecutivos intentaba manter ao Gijón Basket con opcións (82-68 min 35).

Decaía a anotación nos minutos finais, aínda que o Santo volvía sumar desde o perímetro, con triplo do canterano Juan Miramontes, mentres que cunha canastra de Thiam, alcanzaba os vinte puntos de vantaxe.

Un parcial 0-5 para os subcampeones de grupo recortaba diferenzas, aínda que era insuficiente para evitar a 18ª vitoria da tempada para o Santo Domingo, que pecha así a súa mellor tempada en liga EBA, superando os registros da tempada pasada (90-75 min 40).

O Santo, quinto clasificado

O Santo Domingo (18-12) termina a liga no 5º posto do grupo, empatado co 4º clasificado, Fundación Baloncesto León (18-12).