O Santo Domingo feminino cae en Redondela

Por 53 a 33, as mozas do Santo Domingo caeron no partido de ida do cruzamento final na 2ª División Feminina. O Santo Domingo caía por 20 puntos, tras un mal último cuarto no que se escapaban todas as súas opcións de vitoria, no penúltimo partido de liga para o conxunto sénior feminino, que se desprazaba ata Redondela para enfrontarse ao equipo local, no cruzamento final pola 2ºª posición da 2ª División Feminina.

Inicio con pouco acerto ofensivo, moitos erros en tiros próximos e pouca facilidade para circular o balón. Os puntos exteriores das locais permitíanlles acabar o cuarto por diante (9-3 min 10). Melloraban ambos conxuntos na ofensiva ao longo do segundo parcial. O Santo Domingo, cunha achega coral, comezaba a anotar en accións de 1c1, e crecía en defensa con algúns roubos de balón tras presión a toda pista. As locais, pola súa banda, aproveitaban o seu acerto desde o tiro libre, e conseguían impoñerse no cuarto tras un triplo sobre a bocina (24-16 min 20).

Tralo descanso, bos minutos do Santo Domingo, que con ideas máis claras cargaba o seu xogo interior, logrando numerosos tiros próximos e forzando varias faltas persoais, lideradas en ataque por Catuxa e Clara. O desacerto desde a persoal (9 de 29 ao longo do partido), e os erros nas finalizaciones, impedían ás betanceiras dar a volta ao marcador. Contrastaban os fallos desde o tiro libre das betanceiras co acerto desde a mesma distancia do CBR, acabando o terceiro cuarto cunha renda de 10 (35-25 min 30).

Tras pelexar e competir nos tres primeiros cuartos, o Santo Domingo desinflábase definitivamente no último periodo, encaixando varias canastras ao contraataque e cedendo outras en despistes defensivos. CBR sentenciaba o partido, malia unha tímida reacción das nosas no último minuto (53-33 min 40).

Partido de volta

A próxima fin de semana, o Santo Domingo recibirá a visita do CBR, en data e hora aínda por confirmar