O Santo Domingo cae en Oviedo por 80 a 61

Un encontro do Santo Domingo no pavillón municipal

Partido correspondente á sétima xornada de liga EBA grupo AB. Ambos equipos entran fríos ao terreo de xogo, véndose senllos fallos en ambos lados da cancha durante os primeiros minutos. Entraron antes en calor os asturianos, que por medio da súa recente fichaxe Felipe Braga, facía os primeiros puntos. Pronto os visitantes tamén entran no partido, pero a torre brasileira seguía facendo dano desde medias distancias, pechando o primeiro cuarto 16-15 con 11 puntos de Braga para os locais.

Pola mesma canle transcorría o segundo parcial, con Braga sentado os locais recorreron ao seu talento exterior e cunha racha de acerto desde máis aló de 6,75 conseguen un parcial 24-14, pechando o cuarto con 5 triplos nas últimas 6 xogadas e mandando aos betanceiros 11 abaixo ao descanso.

Non secou aos locais o paso por vestuarios, con Braga, Bouzán e Alejandro Rodríguez acertados, e pechándose moito en defensa, conseguen contrarrestrar o primeiro atisbo de reacción visitante, que sendo máis agresivos en ataque recortaban diferenzas desde o tiro libre. O resultado de entrada ao último cuarto era 57-44.

Primeiros minutos do definitivo parcial para os visitantes, que cun triplo de Roque e un 2 1 de Marcos Rozas, achegábase a 7 puntos. Durante os seguintes minutos o intercambio de canastras facía imposible achegarse máis no marcador aos de Betanzos. Toda emoción acabar coa entrada en pista nuevamente de Felipe Braga, que defensivamente pechaba a pintura, facendo imposible aos betanceiros transitala dalgunha forma. Os ovetenses pechan finalmente o partido con outro golpe desde o triplo, levándose tamén o último parcial por 23-17.

Finalmente 80 a 61 para o conxunto local.